Opinión

O outro Madrid

Un tribunal de Madrid condenou esta semana a penas de un ano e dez meses de prisión a dous activistas de Madrid por manifestarse na praza do Sol en contra da represión contra o referendo de autodeterminación de Catalunya decorrido o Primeiro de Outubro de 2017. Despois do caso xa coñecido de Dani Gallardo esta é unha nova agresión contra cidadáns de Madrid que decidiron expresar a súa solidariedade con Catalunya.

Os detidos participaron na manifestación de apoio ao referendo que foi completamente pacífica pero que foi, tamén, o xerme dunha noite difícil coa extrema dereita perseguindo de maneira impune os manifestantes co apoio da Policía.

Un mes máis tarde o grupo que veu ser coñecido como "Os Seis de Madrid" (@DeDetenidos en Twitter) foron detidos pola Policía e acusados de delitos de orde pública e lesións contra os ultras.

Finalmente dous deles foron condenados, acusados nin máis nin menos que de delitos contra os dereitos fundamentais e as liberdades públicas -que é o mundo ao revés-.

E isto a pesar da incongruencia total dos feitos. A manifestación na que eles participaban estaba legalizada pero non o estaba a dos grupos fascistas. E todos eles foron detidos un mes despois dos feitos, de madrugada, nas súas casas ou lugares de traballo. Entón, a Policía afirmou que os identificara durante os incidentes, pero hoxe aínda non explicou como é que se os identificaron o  día de feitos non os detiveron alí mesmo.

A condena chega, ademais, nun momento particularmente significativo polo rocambolesco intento xudicial de ilegalizar Izquierda Castellana, un partido que ao longo da súa historia sempre estivo á beira de todas as reivindicacións dos nosos pobos e respectou o dereito de autodeterminación.

Eles representan a outra cara de Madrid, o outro Madrid, que merece todo o noso recoñecemento e apoio.

Comentarios