Estou de acordo contigo, Martxelo, en que todo o ruído de sabres pode ser, ao final, unha estratexia para xustificar o que sexa. É verdade e historicamente foi así. Pero paréceme, para desgraza de todos, que é máis que un truco.
Moitas veces defendemos nestas columnas que a excepcionalidade española nace en boa parte da súa incapacidade para adaptar o seu estado á democracia. E iso nos piares centrais do poder é máis que demostrábel. Fíxate na xustiza, fíxate na policía, fíxate no servizo diplomático, fíxate no exército. Cheos de franquistas, de autoritarios...
Esta semana nós e Nós Diario publicamos unha entrevista cun cabo galego, Marcos Santos, represaliado polo exército español por ser antifascista. Así andamos aínda e por iso me temo que os militares retirados fan o que é unha tradición militar: falar eles en nome dos que teñen as armas hoxe.
Expulsada de América polos independentistas España tenta compensar a súa falta de imperio
No fondo todo ten a súa explicación. A España actual é o froito da reconversión da España americana, a dos dous hemisferios que dicía a constitución de Cadiz na España colonizadora de Marrocos, onde o exército pasa a ter un papel determinante na conformación ideolóxica do nacionalismo español.
E non falo só de aquilo que toca ás relacións cos nacións catalá, vasca ou galega. Hai un libro excelente da profesora Gemma Torres (A virilitat d' Espanya a l'Àfrica, Editorial Afers), que vos recomendo aos dous, onde se describe á perfección como o exército español segrega a raíz da colonización compensatoria de Marrocos o machismo como forma de identificación española e o desprezo ao outro, o racismo mesmo.
Expulsada de América polos independentistas España tenta compensar a súa falta de imperio meténdose no avespeiro marroquí e de alá veñen Franco e o seu exército. E as consecuencias que aínda, como se ve na polémica da semana, sufrimos.