Opinión

Cume pola porta traseira

Creo, Martxelo e María, que coñecedes os dous a sede do Museu Nacional d'Art de Catalunya en Montjuïc. O museo, elixido por Pedro Sánchez para o seu cume con Emmanuel Macron, é un magnífico museo, especialmente de arte románico, sobre o cal diría eu que é un dos mellores do mundo.

Pero o MNAC tamén é coñecido polas súas vistas. Cando vas entrar, se te viras, ves un panorama de Barcelona dos mellores posíbeis. Aos seus pés as fontes de Montjuïc e a Avenida de María Cristina, máis aló a cidade e ao fondo o Tibidabo e a estilizada torre de comunicacións de Collserola. A foto é inevitábel. Turistas de toda clase e condición soben as longas escaleiras que levan ao museo precisamente para conseguir a súa instantánea.

Pedro Sánchez dixo que viña a Barcelona a certificar que o proceso de independencia de Catalunya acabou pero non só o atopou senón que o uniu

Estas vistas perdéronas Macron e Sánchez. Porque entraron ao Museu pola porta de atrás, literalmente. A presenza de trinta mil independentistas na avenida de María Cristina, ademais nunha fría mañá de quinta feira laborábel, fixo que as cerimonias oficiais tivesen lugar finalmente no aparcadoiro do edificio. Non os viron pero oíronos, porqué trinta mil persoas asubiando óense a boa distancia.

A Pedro Sánchez saíulle, pois, o tiro pola culata. Dixo que viña a Barcelona a certificar que o proceso de independencia de Catalunya acabou e atopouno tapándolle a foto bonita e fastidiándolle o cume. E non só o atopou senón que o uniu. Por primeira vez desde o 2019 a concentración foi unitaria, convocada por todos os partidos políticos e asociacións cívicas. E aínda que se desenvolveu cunha certa incomodidade para Esquerra -Junqueras tivo que fuxir ante a avalancha de berros en contra e asubíos que lles caeu- ao fin e ao cabo todos xuntos demostraron unha potencia que ninguén máis ten.

O últimos cinco meses o independentismo protagonizou catro grandes manifestacións, con notábeis consecuencias políticas. O motor, iso é evidente, volve carburar.

Comentarios