Opinión

Clara, "fins aviat"

Cada lingua ten as súas expresións peculiares para expresar conceptos relacionados co tempo que vai pasando. En catalán "fins aviat" é unha forma de despedirse chea de matices e ata certo punto intraducible. Non é un ata logo, nin un adeus simple e rotundo, senón que expresa á vez a seguridade pero tamén o desexo de que haberá un reencontro. Próximo.

Unha das moitas actividades do Parlamento Europeo esta semana foi unha moi interesante mesa redonda sobre a autodeterminación, organizada pola deputada e conselleira exiliada Clara Ponsatí.

Ponsatí ten máis posibilidades de retorno que Puigdemont e Comín, talvez os cambios no código penal sexan suficientes para regresar sen perigo

O acto contou coa participación de dous dos sabios cataláns de maior referencia nestes temas, como son Carles Boix, profesor de Política e Asuntos Públicos da Universidade de Princenton (que coorganizou o debate) e Neus Torbisco, do Geneva Graduate Institute. E tamén coa participación do profesor Allen Buchanan, da Universidade de Duke, e do profesor Timothy Waters, da Universidade de Indiana e autor dun libro extraordinario (Boxing Pandora) que recomendo, Martxelo e María, aos lectores dos nosos tres diarios.

Con este cartel, como era de supor, o debate foi dunha grande altura e de moito interese. Pero foi a última intervención de Clara Ponsatí a que acabou por crear titulares. Porque ela, ao despedir o acto, dixo "e fins aviat aos que estades en Barcelona".

Despois de cinco anos de exilio, efectivamente, o retorno vese cada día máis perto. E non un retorno calquera senón un retorno triunfal sobre o apetito represor de España. Ponsatí ten máis posibilidades que Puigdemont e Comín, porque talvez os cambios no código penal xa sexan suficientes para regresar sen perigo. Pero que ninguén se chame a engano: a eurodeputada xa deixou claro que de ningunha maneira acudirá aos tribunais españois a pactar nada e avisou que un intento de detención na súa contra sería ilegal. Fins aviat Clara, sí. Fins aviat.

Comentarios