Opinión

Abstención

A abstención, a abstención política, foi a gran protagonista das eleccións nos Països Catalans.

O descontento cos partidos independentistas no Principado traduciuse nun tremendo batacazo de Esquerra Republicana, que perdeu nin máis nin menos que 300.000 votos de golpe, e en perdas pequenas pero significativas para Junts e a CUP. No caso particular de Junts, ademais, é evidente que lles axuda a maquillar os seus datos o magnífico resultado de Xavier Trias en Barcelona, que capitaliza captando votos de todos os sectores políticos, a necesidade amplamente compartida de sacar do concello a Ada Colau. Menos soado pero igual de importante é o caso do País Valencià onde Compromís e Esquerra Unida do País Valencià perden máis de 250.000 votos e a abstención crece en cifras paralelas.

En España consideran que a perda de votos é unha desautorización do movemento soberanista, pero aquí máis ben parece todo o contrario

A lectura desta abstención desde España é case eufórica. Consideran que a perda de votos é unha desautorización do movemento soberanista. Pero vista desde aquí máis ben parece todo o contrario. Esta abstención é un xesto moi poderoso de fartura e unha demostración enorme de conciencia política. As bases independentistas sobrepóñense ás proclamas apocalípticas e á chantaxe e deciden que xa está ben de aguantar políticas absurdas trazadas cos seus votos. E ante a sensación de que algúns partidos políticos parecen convencidos de que poden facer calquera cousa unha vez os teñen, directamente optan por non dárllelos.

No caso de ERC os resultados das municipais e a convocatoria de eleccións españolas practicamente significa a defunción da súa aposta política desde o 2017. Nin mesa de diálogo, nin acordo da claridade, nin capacidade negociadora a Madrid, nin ampliar a base, nin nada. Os de Junqueras, culpábel máximo ao final deste desastre, expuxeran as municipais como un pulso ao PSC na area metropolitana e o fracaso foi total e absoluto.

Especialmente doloroso no caso de Gabriel Rufián. Presentouse en Santa Coloma de Gramenet afirmando que ía cambiar o rumbo dunha cidade dominada de sempre polos socialistas e onde o PSC tiña 17 concelleiros e ERC tres. Unha mega campaña mediática ao seu favor e todo o apoio do partido e do Goberno, con promesas polémicas ao seu favor, tivo como resultado que o PSC manteña os seus 17 concelleiros e ERC suba de tres a catro. É o que hai.

Comentarios