Opinión

Deformación profesional ou de Formación Profesional?

Crieime cunha paixón pola costura grazas á miña avoa materna, Ramona Rúa Fandiño, quen baixo os meus ollos era a mellor.

Quizais no meu caso é a parte emocional a que me empurrou a estudar isto. Xa traballando púxenme a estudar Patronaxe Industrial na Coruña e, hoxe, comparto crítica con moitas persoas de Formación Profesional sobre a incerteza que temos cos malabarismos da lei de educación actual.

As e os que estudamos unha especialidade técnica como Patronaxe Industrial, Vestiario de Espectáculos, Cociña, Pastelaría, Perruquería, Automoción... Non temos que ter ningún tipo de grao para poder exercer como docentes do que xa somos titulados. Por que? Porque non hai ningún grao que recolla esas ensinanzas técnicas. Quizais foi difícil chegar a esa conclusión ao longo deste ano difícil e deixar a unha morea de docentes e posibles docentes de corpos técnicos as expectativas de que vai pasar coa súa situación.

Dende o docente que leva anos traballando e non sabe o que pasará con seu traballo -se mesmo para o ano que ven poderá seguir dando de comer a súa familia- pasando polo que pagou un mestrado que non sabe se lle servirá ou non para impartir clase ou a persoa que está a valorar cumprir cada requisito que piden. 

Á parte da titulación técnica, do máster, do Celga-4 de galego e do B1 doutro idioma, precisamos dun grao? Dun grao de calquera cousa?

Realmente ata agora, non se deron conta de que iso é ter un grao por real decreto? Incompatible coa educación de calidade, a que queremos que chegue para as novas xeracións.

Non é mellor ter unha formación técnica de calidade? Para que os próximos titulados teñan unha formación completa para afrontar os tempos nos que vivimos e conseguir un traballo de calidade tamén.

Na rama do téxtil, o problema que hai con ser un profesor e titulado, por exemplo, de grao de química é que un pode ter uns coñecementos brillantes da materia pero non saber aplicalos ao téxtil. Porque podes estudar toda a química que queiras pero é totalmente necesario saber aplicala ao xénero co que vas traballar diariamente. 

A Formación Profesional ten un valor a pesar do trato pexorativo que recibe, pois non debemos esquecer que nalgunhas formacións que teñen semellanzas coma un grao en enxeñería electrónica ou un FP de electrónica -salvando as diferenzas da titulación grao-formación profesional- a taxa de inserción laboral da FP nalgunhas empresas é superior. 

Cada cousa polo seu nome! Non serve mesturar todo: porque parecido si, pero igual non é.

Non nos merecemos un futuro incerto, xa temos bastantes incertezas coa situación actual do país para que sigan xogando tamén coa lei de educación, pois dende o 1970, saíron nove leis de educación e xa son suficientes.

Comentarios