sábado 24/07/21

Na Red Madre

O pasado ano sorprendía que a reaccionaria Red Madre lograse autorización para o uso dun local da Xunta en Pontevedra, mais, a sorpresa, non debera ser tanta: confirma o apoio do “moderado” Feijóo a esta entidade, declarada de interese público en Galicia, que leva varios anos recibindo subvencións autonómicas.

É posible grazas á Lei 5/2010, aprobada cos votos do PP, que camufla como “rede de apoio á muller embarazada” unha vía de financiamento público para a ultradereita. A lei permite concertar labores directos de información a mulleres embarazadas, actividade que se realizou a través da propia Red Madre, que supliu así funcións dos centros de asesoramento afectivo-sexual Quérote, desmantelados.

A Lei Orgánica 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva recolle explicitamente que son os poderes públicos quen deben garantir a información e protección social a mulleres embarazadas. A lei galega da Red Madre é totalmente prescindible -as mulleres vulnerables que están embarazadas xa deben ser protexidas pola Xunta-, pero precisaban a norma autonómica para ter un mecanismo de contacto de asociacións antiabortistas con mulleres vulnerables e para acceder a recursos públicos.

A lei, vixente, afonda en posicións esencialistas sobre a muller e o seu rol de xénero, pois fala de “revalorizar a maternidade, ou concretamente a figura da muller xestante”.

A lei, vixente, baséase na “protección do dereito á vida en formación”, algo falaz.

Hai que garantir os dereitos ás mulleres que desexamos ser nais, pero deixar de insinuar que o destino da muller é a maternidade e frear a culpabilización das mulleres que non queren ser nais ou que queren deter un embarazo non desexado. 

A Red Madre amedrenta as mulleres que desexan interromper o embarazo con supostas consecuencias gravísimas do aborto e con discursos anticientíficos (só hai que ler a súa páxina web): debera ser obriga da Xunta garantir o aborto seguro e impedir o acoso da ultradereita aos úteros das mulleres.

comentarios