Opinión

8M Máis voz para (re)clamar a igualdade

Ás portas do 8M son moitas as razóns para saír á rúa e expresar carraxe, furia e indignación. Son moitos os motivos para clamar tantas veces como faga falta porque parece que si pero non. Explícome.

Seica estamos dando pasos na boa dirección porque hai xa tempo que os gobernos inclúen departamentos específicos para a defensa da Igualdade de Xénero. E cómpre aplaudir que haxa un ministerio para tal fin no goberno de España, como xa o houbo en 2008.

E hai leis que amparan e defenden as mulleres contra a violencia de xénero, tanto a nivel nacional, como autonómico. Mesmo temos unha lei para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, que xa foi aprobada en 2007.

E… seguen asasinándonos, e só neste ano xa mataron 14 mulleres en España e xa van 1.047 desde que se comezou esta terrible estatística en 2003.

E segue sen se cumprir a lei no tratamento informativo dos crimes machistas. Cómpre recordar, e nunca está de máis, que a Lei de Violencia de Xénero de Galicia detalla que é unha obriga da Administración Autonómica que os medios públicos teñan "especial coidado no tratamento gráfico da información" ou que "as informacións relativas á violencia sobre a muller velen polo dereito á intimidade das vítimas e das súas fillas e fillos". E seguimos a explicar detalles da vida da vítima.

E grazas aos señoros de Vox agroma en prime time un sentimento, unha forma de entender a sociedade e un comportamento moi perigoso, pero tristemente compartido por millóns de persoas en España. Un comportamento cuxa manifestación menos daniña, seguramente, sexa o gusto pola interpretación libre da gramática española do tipo “señora presidente”, pero so esas anécdotas de farfalláns, ventamos o perigo. Hai 3,5 millóns de persoas que non cren na igualdade e non aceptan as leis que a amparan.

Pero nós non estamos cansas e non sentimos fastío. Nós temos azos para reclamarmos unha vez e un milleiro máis á representación política que se cumpran as leis de igualdade e violencia de xénero nos medios, por exemplo.

Temos moito que reclamar e somos moitas para acadar os nosos obxectivos. Porque as empresas de comunicación privadas tamén teñen responsabilidade. O papel que os medios de comunicación teñen como axentes educativos e indutores de conciencia social é clave, e na maioría dos casos non existe unha análise previa dos contidos desde unha perspectiva igualitaria. Por iso desde Xornalistas Galegas demandamos o impulso da figura da editora de xénero como figura transversal nas redaccións que garanta a correcta aplicación da perspectiva de xénero nas informacións.

Tampouco non podemos deixar de lembrar a necesidade de impartir formación específica nas redaccións sobre igualdade, feminismo e tratamento informativo da violencia de xénero porque non todo vale. E de reclamar máis presenza feminina na sección de opinión, porque non parece razoable que o 50% da poboación apenas represente o 15% de total das firmas nos artigos de opinión dos xornais galegos.

Queremos exixir que a prostitución sexa considerada unha forma de violencia sexual que atenta contra os dereitos humanos. Seguimos a ver, horrorizadas, anuncios dirixidos a homes interesados en alugar o corpo de mulleres por horas. E pedimos que se vete este contido publicitario e que os puteiros non o teñan tan doado.

A conciliación familiar, pola súa banda, non é un asunto de mulleres, pero nós loitaremos tamén para que o traballo sexa compatible e respectuoso coa conciliación horaria. Nun sector con salarios precarios e xornadas interminables non podemos asumir convocatorias de prensa en horarios extraordinarios sen motivo que o xustifique, como é o caso de roldas de prensa de políticos ou actos institucionais non vinculados á actualidade. O feito de que un acto deste tipo se celebre ás oito da tarde ou dúas horas antes pode cambiar, e moito, a calidade de vida das e dos profesionais do xornalismo.

Este 8 de marzo, baixo o lema “Sen coidados non hai vida,” marcharemos todas para deixar claro que coidar das persoas e do planeta non é un tema menor. É a base dunha sociedade máis xusta e a única forma de garantirmos un futuro mellor. Imos!

Comentarios