Opinión

De Primo de Rivera ao Pacto de Lestrove, no seu 90 aniversario

No outono de 1929 os ecos da queda bursátil de Wall Street chegaban a Europa, así como os primeiros anos de experiencia da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas. O contexto político para o Estado español remitía a unha Ditadura militar, que se prolongaba desde había seis anos.

A Ditadura primorriverista, garante da orde monárquica. O golpe militar de setembro de 1923, protagonizado polo capitán xeneral Miguel Primo de Rivera, veu asegurar que non houbera “disgregación territorial” algunha no Estado español e impedir, desde unha perspectiva social e de clase, que o malestar social derivado do Desastre de Annual, así como do Expediente Picasso, non ampliara unha crecente organización popular de esquerdas, republicana, que levara por diante o sistema establecido.

A Ditadura, xa que logo, tería o beneplácito do rei Alfonso XIII; sendo, á súa vez, a Ditadura de Primo salvagarda da monarquía. Sexa como for, segundo pasaban os anos ese tándem debilitaríase exponencialmente; e tamén se erosionaría a figura do Borbón xunto á do ditador (émulo de Mussolini).

A crise económica de 1929, os continuos embates (de diverso signo) que Primo de Rivera tiña que enfrontar doutros militares, xunto ás crecentes críticas polas guerras do Rif, farían tremer a Ditadura. Alfonso XIII e a súa vida, rodeada de luxo e dispendio, sumado á cobertura que lle daba ao ditador, levaría a monarquía a mínimos históricos en canto apoio popular. O partido único que sustentaba aquel réxime, a denominada Unión Patriótica encabezada por Primo de Rivera, xa non era capaz de exercer o control social co que nacera, fronte a un movemento operario empoderado, un republicanismo á alza e un nacionalismo que estaba a ampliar a súa base popular. De tal xeito que a finais de xaneiro de 1930 Primo de Rivera dimitiría, logo de ter perdido o apoio do monarca (que xogaba a conspirar contra o ditador desde había tempo). O 30 de xaneiro constituíase un goberno dirixido polo xeneral Dámaso Berenguer, coa aquiescencia do Borbón; etapa coñecida como “Dictablanda”.

A queda de Primo de Rivera e a constitución dun débil goberno español abrían unha oportunidade histórica que soubo ver a maior parte do republicanismo no Estado. Na Galiza o republicanismo e nacionalismo, sometidos a control e censura militar desde setembro de 1923 (tal e como evidenciaban as páxinas d’A Nosa Terra), volverían facerse visíbeis nas rúas, ao igual que o movemento agrarista e operario (anarquista, socialista ou comunista). Os anos da Ditadura serviran para trabar complicidades entre a oposición á Ditadura e monarquía. Evidenciaba esta realidade como, apenas tres meses antes, a militancia de esquerdas das Irmandades da Fala (IF) -co grupo coruñés de Antón Vilar Ponte á fronte- daría lugar, xunto aos republicanos de Santiago Casares Quiroga, á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA). Nacía a ORGA en favor dunha República federal española, na que Galiza fose recoñecida como Estado (federado) de seu.

Para tentar impedir que se asentase o goberno encabezado por Berenguer, así como unha nova etapa monárquica, desenvolveríanse diversos encontros no Estado en chave republicana. O Pacto de Lestrove sería un dos primeiros en organizarse. Asinado no Pazo de Lestrove (Dodro) o 26 de marzo de 1930, reuniu aos principais partidos e figuras do republicanismo galego e do galeguismo participante da ORGA; no que se acordaría crear a “Federación Republicana Galega”. Esta alianza reforzaríase en setembro co Pacto de Barrantes (Ribadumia), asinado por Casares Quiroga, Castelao, Vilar Ponte e Portela Valladares, entre outros. Acordo co que condicionar, en chave galega, a acción de Casares Quiroga co resto de republicanismo español, que viña de asinar en agosto o Pacto de San Sebastián.

A proclamación da II República española, o 14 de abril de 1931, e a articulación dun Estado unitario con leves concesións rexionais (a ‘autonomía integral’...), coa conivencia da maioría da FRG, racharía cos propósitos e unión que o Pacto de Lestrove e o Pacto de Barrantes representaban. Oportunidade perdida para a constitución da República Galega.

Comentarios