Opinión

Unha viaxe con Ana Miranda ao corazón da emigración

O 8 e 11 de abril, mes de caraveis e revolucións, temos senllas citas en Berlín e Hamburgo coa emigración galega da man de Ana Miranda, eurodeputada do BNG. Loitadora incansable pola xustiza social, todas a temos en mente cando falamos da Frotinha dunha Gaza bloqueada por Israel ou cando nos referimos ao accidente do Alvia en Angrois ou das ou cando se nos remexen as entranhas co drama das refuxiadas nos Balcáns. Coma unha formiguinha incansábel está en todas as loitas, coa confianza posta nun cambio que nos arrede do monstro do neoliberalismo. A razón é sinxela: ela sabe que conta cunha organización sólida detrás e nós, militantes de base, vemos nela unha das nosas mellores representantes.

Nas mans traemos propostas coma o Plan Retorna (que facemos extensivo a todas as galegas, sen rangos de idade), para defendermos o dereito a vivir na Terra, achegamos traballo feito coma o da defensa dos marinheiros que loitan polas súas pensións en Noruega ou a defensa das xubiladas retornadas contra o saqueo á que as somete o Fisco. Levamos connosco a música e os ritmos dun músico independente, Rubén Domínguez “Pantis” (ás 8 da tarde do sábado 8 na Praza Rosa Luxemburg, en Berlín).

Ela sabe que conta cunha organización sólida detrás e nós, militantes de base, vemos nela unha das nosas mellores representantes

No BNG somos internacionalistas. Boa proba disto é a boa sintonía con DIE LINKE, o partido de esquerdas alemán, organización que se achegou por primeira vez de xeito oficial á nosa Asamblea Nacional os pasados 25 e 26 de marzo, mais logo de meses de traballo intenso a nivel local. Para o Foro da Emigración (martes 11 ás 19:00) contamos co inestimábel apoio de DIE LINKE e da Federación Alemá de Sindicatos (DGB). O Cumio do G20 (que se celebrará en Hamburgo en xullo), o TTIP e o CETA, as condicións de vida das refuxiadas ou a precariedade laboral son temas que nos ocupan no día e que nos fan unir forzas con partidos de esquerdas, organizacións xuvenís, sindicatos e ONGs.

A respecto de militantes de base e representantes..., xa o Bloque fora fai anos reconhecido como o partido máis democrático de todo o estado español. E quero exemplificalo cunha breve anécdota:

No BNG somos internacionalistas. Boa proba disto é a boa sintonía con DIE LINKE, o partido de esquerdas alemán

Durante a celebración dun Festigal, fai xa un par de anos, eu ofrecérame como voluntario detrás da barra. Había que escoller entre acompanhar a unha moi querida amiga ecuatoriana ou servir canhas e optei por achegarme un momentinho onde estaban as coordinadoras de Galiza Nova (polo caminho atopamos o famoso “Tucho” do defunto dúo humorístico “os Tonechos”). E quen estaba alí? Pois Ana Miranda, unha formiga das miles que conformamos esta forza política. Pasei ao seu carón e saudeina cun simple “Ola”.

Alguén imaxina, sinceiramente, non xa a Rajoy, Susana Díaz ou Pablo Iglesias, senón a burócratas de nivel medio-alto cun posto no congreso en Madrid por catro anos ou máis, enfundar o mono de traballo e ir axudar a un festival montado polas xuventudes do partido? Ou xa que falamos do Europarlamento, esa institución da centralidade da construción da Unión Europea, lembra algunha das lectoras sequera a quen votou como representante en Bruxelas? Eu, si. E con orgullo digo: Ana Miranda.

Porque unha vez alí arriba empoleirados é moi doado fuxir do escrutinio público, pois case todos os medios de comunicación son parte do aparello da construción do Estado-Nación e todos os asuntos directamente concernentes a ese centro son prioritarios. O que sucede no Parlamento Europeo queda fóra de órbita, segundo esa lóxica.

As comunidades da emigración galega sempre foron un motor na nosa Historia contemporánea e sempre mostraron un potente vitalismo, verbo do cal soubemos crer en nós mesmos e alcanzar conciencia de pobo, das clases populares asoballadas por poderes alleos á nosa vontade. Máis alá do tan sobado concepto de morrinha que soamente nos fala dun individuo que arela o pasado, o certo é que a emigrante galega sempre deu mostras de comunitarismo e de iniciativas para mellorar a súa vida e a dos seus, sentindo como seus aquelas persoas que forman parte da memoria, xentes, costumes, paisaxes, sabores e saberes... A Galiza é, sen dúbida, seminómade.

E unha vez máis, demostramos que temos que estar no mundo para participar das relacións cordiais entre pobos libres e irmáns.

Comentarios