Opinión

Perseguiranos as nosas memorias para sempre

Un 3 de marzo do ano 1976 na cidade vasca de Vitoria-Gasteiz a policía franquista asasinaba a tiros cinco traballadores e fería máis dun cento, moitos deles de gravidade.

Un 3 de marzo do ano 1976 na cidade vasca de Vitoria-Gasteiz a policía franquista asasinaba a tiros cinco traballadores e fería máis dun cento, moitos deles de gravidade. O suceso producíase tras asaltar as forzas represivas a igrexa de San Francisco, no Barrio de Zaramaga, durante a celebración dunha asemblea de traballadores e traballadoras convocada para informar da xornada de paro xeral dese día, logo de máis de dous meses de folga contra o decreto de topes salariais e en defensa de mellores condicións de traballo.

"Un 3 de marzo do ano 1976 na cidade vasca de Vitoria-Gasteiz a policía franquista asasinaba a tiros cinco traballadores e fería máis dun cento, moitos deles de gravidade".

Pouco despois, Manuel Fraga Iribarne, daquela ministro da Gobernación no primeiro Executivo formado tras a morte de Franco, exculpaba á policía e descargaba toda a responsabilidade sobre “os que botaban á xente á rúa, con mensaxes dun tipo ou doutro”. Fraga nunca amosou o máis mínimo sinal de arrepentimento nin pediu perdón ás vítimas e aos familiares, nin por este nin por outros crimes que obran no seu negro historial. Pola contra, non tivo pudor en afirmar no ano 2005 que “o franquismo asentou as bases para unha España con máis orde”. 

En vida e máis intensamente após a súa morte, os  haxiógrafos de Fraga non cesan no empeño de facelo pasar á historia enxalzando o seu sentido de Estado (“cabíalle o Estado na cabeza”- din), e a súa contribución decisiva á refundición da dereita (dándolle unha forma máis reformista e civilizada) e á transición democrática, cando en realidade non foi máis que un azoute para as liberdades públicas e os dereitos humanos (ese era o Estado que a Fraga lle cabía na cabeza, o do Terror).

Méritos semellantes fóronlle recoñecidos por Xosé Manuel Beiras nunha entrevista publicada recentemente nun xornal galego. Segundo Beiras, Fraga “tiña talento de home de Estado e experiencia enorme”, “tralo pacto da Transición intentou domesticar á dereita máis ultramontana”, e mesmo “asumiu intentar ser presidente dándolle a Galicia un rango equiparable a Euskadi e Cataluña”.

"A Fraga e aos demais responsábeis dos asasinatos de Gasteiz os perseguirán as nosas memorias para sempre".

Sorprenderían estas manifestacións se non fose porque proceden de quen no ano 2002 sentou a xantar co ex-ministro franquista para evidenciar a relación de diálogo e colaboración que mantiñan daquela. Como sinalou Vítor Vaqueiro nesta mesma sección de Sermos, Manuel Fraga  habelenciosamente deixou en mans do nacionalista a versión do encontro aos medios de comunicación, sabedor de que tería que eloxiar certas virtudes súas, como así sucedeu.

Mais quen compartimos o ideario ético e político do nacionalismo de esquerdas neste país non deberíamos acreditar neste tipo de expresións, porque estariamos contribuíndo a ese “acto de esquecemento” que se produce cada vez que se enxalza a figura de Fraga ou se lle rende homenaxe coa dedicación dunha rúa, como aconteceu en Monforte. Como dixo Lluís Llach, o mantemento e a reivindicación da memoria, ademais dun acto de xustiza para as vítimas, é unha necesidade para o futuro de calquera sociedade democrática. Por iso, co cantautor catalán, queremos repetir nesta data, que a Fraga e aos demais responsábeis dos asasinatos de Gasteiz os perseguirán as nosas memorias para sempre.
 

Comentarios