Opinión

O que se viu no de Cataluña

Moitas cousas quedaron claras co que sucedeu estes días entre a Cataluña e o estado español. Cando se argallou o estado das autonomías, non podía haber dúbida de que ese sería un dos elementos que mais servirían para disfarzar de democracia o que Franco deixara atado y bien atado: un réxime no que seguirían mandando sen atrancos os de antes e no que seguiría imperando a alianza entre a Igrexa e a Coroa, como desde que se instaurara a unidade de España en tempos dos Reis Católicos, coa axuda da Inquisición.

A cuestión das nacionalidades fora preocupación constante dos que mandaban nun país unificado pola forza e de mala maneira, e a forma arteira de evitar que se falase dunha posíbel federación ou confederación depois de Franco foi inventar un sistema de autonomías tuteladas e sen forza que, no fondo, podía servir mellor para que mandase o centro con disimulo.  Convén lembrar, para aprender da experiencia e da historia, que case todo o mundo se deixou convencer de boa gana e que foron moi poucas e moi excepcionais as organizacións políticas que non se deixaron levar pola propaganda e amostraron oposición á idea.

O que quedou claro agora co de Cataluña foi que as autonomías están nun réxime de submisión ao cabeza de familia, que é o centro, e que, como as mulleres na santa familia unida, teñen que calar para manter a unión e aceitar que as traten como menores de idade eternas.

Cando se argallou o estado das autonomías, non podía haber dúbida de que ese sería un dos elementos que mais servirían para disfarzar de democracia o que Franco deixara atado y bien atado

 

Do que tampouco pode xa haber dúbida é de que a Unión Europea quer a mesma unidade na Europa que o estado español quer na España, e que esa unidade consiste en absorber a todas as nazóns e pobos e obrigalos a que desaparezan baixo o imperio dun centro antidemocrático. Cataluña e Escocia sentíronse sempre moi europeas e confundiron Europa cunha Unión Europea que se apropiou de todo o europeo e o falseou.  A enerxía e criatividade da Europa de verdade viña mesmamente de estar formada por países moi distintos.  A Unión Europea construíu un monolito autocrático que, como o que a falsa España construiu en nome da santa unidade, non ten forza espiritual e mutila a criatividade. 

A Unión Europea rexeitou aos independentistas escoceses cando lle foron a pedir axuda contra o Brexit, convencidos de que o seu amor por Europa era correspondido e serían ben acollidos.  O mais probable é que aos independentistas cataláns lles suceda o mesmo e que, moi a contrario do que esperan, a Unión Europea, en vez de apoialos, faga todo o posíbel para que gañe a España unida, que é a que lle convén, e non eles.

Comentarios