Opinión

Bennistas e blairistas na Gran Bretaña

Moi axiña será a eleición na Gran Bretaña de líder do partido traballista, logo da dimisión de Ed Milliband pola derrota nas eleicións xerais.

Moi axiña será a eleición na Gran Bretaña de líder do partido traballista, logo da dimisión de Ed Milliband pola derrota nas eleicións xerais. O que fai esa eleición de líder muito mais interesante do que cabía esperar é que un dos candidatos que se apresentou a última hora, Jeremy Corbyn, un laborista "dos de antes" e certamente non blairista, estálles pasando a todos por diante e obtendo unha popularidade coa que ninguén no partido contaba e que os ten desconcertados. É cuase cómico observar como o vello laborista fai que os outros tres candidatos (dúas mulleres e un home) resulten insulsos e monótonos e que, de tanto querer quedar ben con todo o mundo, dean a impresión de politiquear e de que a política de verdade lles da medo.

"Alegra o corazón ver ao 'vello laborista' baténdose con cortesía e convicción"

Jeremy Corbyn é un "bennista", dos de Tony Benn, que foi unha das figuras mais distinguidas e coerentes do partido traballista e do que se dixo que, a diferenza dos demais, depois de estar no governo virara máis para a esquerda e non para a direita como os outros. Tony Benn representou a esquerda radical e Corbyn agora tamén a representa, para grande surpresa e até escándalo dos blairistas, que pensan que só eles son elexíveis e razonábeis, a pesares de que o blairismo levou a que o laborismo desaparecese prácticamente da Escócia e a que gañasen os conservadores nas últimas eleicións británicas. E a pesares tamén de que Tony Blair ten fama de ser o político mais odiado na Grá Bretaña e non se lle perdoa a guerra do Iraque. O propio Tony Blair fai declaracións apocalípticas de cando en vez nesta campaña de líder do partido, avisando do terrível que sería que escollesen a Corbyn.

Os políticos que recitan a lección que aprenderon de memória non poden crer nen entender o que está sucedendo, que volvera a xurdir de súpeto a esquerda de antes e que á xente lle entusiasme ver e escoitar a un político que ten conviccións e cre no que di. E que arraste a xente nova que se criou entre thatcheristas e blairistas e nunca viu outra cousa. E a verdade é que alegra o corazón ver ao "vello laborista"  baténdose con cortesía e convicción.

Comentarios