Opinión

Os outros desafiuzamentos

Nesta Galiza na que estamos cada vez máis afeitas a que os debates se marquen desde os grandes grupos mediáticos de Madrid

Nesta Galiza na que estamos cada vez máis afeitas a que os debates se marquen desde os grandes grupos mediáticos de Madrid, moito nos temos ocupado e preocupado das persoas que por diferentes motivos son desafiuzadas das súas vivendas. Con razón, con moita razón iso ten sido obxecto de debate político e de mobilización social.

Porén como nacionalista, como galega preocupada polo devir do noso pobo, boto en falta ocos na axenda mediática e política para os e as outras desafiuzadas. As persoas que por no poderen facer fronte ás débedas contraídas nas súas explotacións lácteas son desafiuzadas das súas explotacións, das súas terras e mesmo, poden darse casos, das súas casas. Esquecemos que moitas delas tiveron que usar o seu patrimonio familiar como aval para os créditos para modernizar as explotacións ou mercar cota para seren competitivos. Esquecemos que agora que están afogadas economicamente os propios bancos lles negan anticipos para poder saldar esas débedas mesmo co aval das axudas da Política Agraria Común.

Esa é a dramática realidade das explotacións leiteiras galegas, botando man dos aforros familiares para poder seguir producindo leite a 31 céntimos o litro para vendelo a 26

Están levando as explotacións de leite galegas a unha situación límite. Endebedadas para poder ter cota coa que producir cando no resto de Europa ese dereito lles veu dado. Créditos para plans de mellora e investimentos cos que lles prometeron ser máis competitivos. Unha “liberalización”, eliminación de cotas, coas que lles dixeron que ían poder producir máis e que na práctica reforza a imposición da industria e da distribución. Contratos que son papel mollado, porque non se negocian e ninguén sanciona o seu incumprimento cando de velar polo dereito dos e das produtoras se trata.

O resultado era previsíbel para quen o quixer ver. Extorsión aos e ás gandeiras coa ameaza, real, de deixar explotacións sen recollida de leite non deixando outra alternativa que abrir a billa e ciscalo. Prezos insultantes e dos que aínda teñen que dar as grazas porque lle sacan o leite da explotación. Cantas empresas, sexa cal for o seu tamaño, poden subsistir logo de meses obrigadas a vender o seu produto a perda? Esa é a dramática realidade das explotacións leiteiras galegas, botando man dos aforros familiares para poder seguir producindo leite a 31 céntimos o litro para vendelo a 26 se están de sorte ou en moitos casos a prezo de refugallo, a 18 ou 16 céntimos. Para que logo veña unha Directora Xeral da Consellaría dicirlles que o que teñen que facer é aprender a gardar das risas para os choros.

E mentres o monstro medra cada día máis. Os xuros medran ao tempo que os aforros devecen. As medidas políticas seguen sen aparecer. A conselleira do Medio Rural está desautorizada e deslexitimada para buscar solucións por unha industria que xa nin a considera interlocutora e no canto de dimitir reúne aos alcaldes e alcaldesas do Partido Popular para intentar neutralizar unha mobilización imprescindíbel e imparábel. Que triste papel.

Como triste que Galiza teña un Presidente que cando os gandeiros e gandeiras están ao borde de seren desafiuzadas das súas explotacións e, mesmo diría, que da súa actividade a  súa maior preocupación sexa que non goberne a lista máis votada, sempre que sexa a súa, por suposto.

A conselleira do Medio Rural está desautorizada e deslexitimada para buscar solucións por unha industria que xa nin a considera interlocutora

É imprescindíbel para garantir o futuro que haxa vontade do Goberno Galego para acometer medidas estratéxicas vinculadas coa terra, co modelo produtivo, rematar coa gran febleza da nosa capacidade industrial e transformadora, por suposto. Medidas que non poden seguir agardando. Mais hoxe é precisa unha actuación de urxencia, para antonte, que require capacidade política para sentar ás industrias e á gran distribución e arrincarlle o compromiso con garantías das administración de recollida da totalidade do leite a prezos xustos, dignos, cadaquén que escolla o adxectivo, en todo caso que cubran custes e retribucións dos e das gandeiras. Isto debera ocupar todas as horas da axenda do Sr. Núñez Feijóo.

Ante este desdén ou claudicación, ou ambas, de quen debera estar liderando a defensa do sector lácteo galego, quero utilizar este oco para chamar a todos os galegos e galegas a que o fagamos nós. A converter este problema nun asunto central da nosa preocupación. Non só por solidariedade con eses e esas outras desafiuzadas. Non. Para evitar que nos desafiúcen do potencial económico e de futuro que representa o leite en Galiza. Para que non nos desafiúcen do 80%  do noso país.

Comentarios