Opinión

A semente de 1972

O ano 72 foi determinante no nacemento do sindicalismo nacionalista. Estamos diante duns sucesos que convulsionaron a sociedade galega.

Este ano 2022 cúmprense 50 anos dun dos sucesos máis traumáticos da historia do movemento obreiro galego, como foi o metrallamento, por parte da policía franquista, nunha manifestación de traballadores da empresa Bazán (hoxe Navantia) en Ferrol, o 10 de marzo de 1972, que se saldou coa morte de dous traballadores, Amador Rei e Daniel Niebla, e con preto de trinta traballadores feridos de bala.

A conflitividade laboral existente en Galiza naqueles anos, derivada das precarias condicións de traballo, da falta de liberdades, da represión por parte do réxime e dun movemento obreiro que empeza a coller forza e a organizarse, púxose de novo de manifesto no mes de setembro de 1972, na comarca de Vigo, coa realización dunha folga xeral que chegou a ser secundada, segundo algúns medios da época, por preto de 27.000 traballadores e traballadoras.

O ano 72 foi determinante no nacemento do sindicalismo nacionalista. Estamos diante duns sucesos que convulsionaron a sociedade galega, e de forma especial o movemento obreiro, o cal propiciou o clima necesario para que a decisión política que tiña adoptado a Unión do Pobo Galego, de promover a autoorganización do noso pobo a todos os niveis, se empezase a facer efectiva na clase traballadora galega. Partindo de cadros provenientes de Galiza Socialista, de Organización Obreira e da propia UPG, en 1973 constitúese a Fronte Obreira deste partido, que promove a creación de xermolos sindicais en diferentes comarcas de Galiza, fundamentalmente nas cidades, por ser onde había maior concentración obreira, referenciados a nivel propagandístico na edición de boletíns como Adiante en Vigo, Ferramenta en Ferrol, Galego en Compostela, Obradoiro en Ourense, Xerme na Coruña. Neste labor xogou un papel fundamental o compañeiro Moncho Reboiras.

Estes primeiros xermolos sentarían as bases para un segundo paso, a creación de sindicatos de sector como a Unión de Traballadores do Ensino, a Unión de Traballadores da Banca, a Unión de Traballadores da Sanidade, o Sindicato de Traballadores do Mar e o Sindicato Obreiro Galego (que abrangue as traballadoras e traballadores do resto dos sectores). Todos estes sindicatos confederaríanse no ano 1977 para dar lugar á primeira central sindical nacionalista na historia de Galiza, a Intersindical Nacional Galega (ING).

O nacemento do sindicalismo nacionalista galego ía supor un feito transcendental para o movemento obreiro galego. Por primeira vez a clase traballadora galega asumía a responsabilidade de crear organizacións sindicais propias, autoorganizándose, converténdose en suxeito soberano, dona do seu propio destino, rachando así coa negación e colonización mental, á que a sometía (e segue a tentar someter aínda hoxe) o sindicalismo español, como consecuencia da súa visión e práctica centralista e homoxeneizadora do Estado español, non recoñecendo a problemática específica da clase traballadora galega, derivada da dupla explotación que sofre pola súa pertenza a unha nación colonizada, a nación galega.

Hoxe, como en 1972, estamos baixo un sistema económico capitalista e Galiza segue sen ser unha nación soberana. Seguen vixentes, polo tanto, reivindicacións como un marco propio de relacións laborais, un posto de traballo na propia terra, a igualdade de dereitos, a mellora das condicións de vida da clase traballadora, a xustiza social, o rexeitamento ao Pacto Social ou o dereito de autodeterminación. Pero hai algo que si cambiou nestes 50 anos, para beneficio dun mellor futuro do noso pobo e da súa clase traballadora, o sindicalismo nacionalista é maioritario e o referente dinamizador das loitas obreiras en Galiza. Ao igual que no campo político o nacionalismo é un referente fundamental para moitos sectores da sociedade galega na defensa dos intereses de Galiza.

En conmemoración dos sucesos de marzo do 1972, en homenaxe ás vítimas daquela barbarie, en recoñecemento da loita da clase traballadora na defensa dos seus dereitos e contra a ditadura franquista, é polo que o sindicalismo nacionalista vén celebrando todos os anos nesta data o Día da Clase Obreira Galega.

Comentarios