Opinión

Vai mudar todo, mudará

Angela Merkel advertiu de que a maior parte de nós habemos nos contaxiar desta nova cepa vírica. E hai que aceptalo, esa vai ser moi probabelmente a realidade. Conforme pasan os días e as horas temos que ir aceptando o que se está a volver unha evidencia.

Como é dura de aceptar, somos humanos, hai quen encontra explicacións no repertorio de causas que nos proporcionan as ideoloxías: a culpa é do capitalismo, dos antivacinas, das vacinas, da China, da globalización...Non serve de nada, a maioría habemos ir enfermando conforme pase o tempo. É pandemia, responde a procesos químicos e estatísticos, como foi a “peste negra” que dezmou Europa antes de que se inventase o capitalismo e a “gripe española” cando xa se inventou.

O que estamos a vivir ten unha dimensión experiencial na saúde dos corpos e ten outra ideolóxica e psicolóxica, afecta ao hardware do corpo social e tamén ao software. É evidente que o Goberno, como os demais gobernos dos países de cultura cívica feble e sociedades pouco disciplinadas, como España, reacciona con menos firmeza e por tanto menos eficacia que os de Estados e países máis autoritarios ou disciplinados como China ou Dinamarca, mais a tod@s no está a costar aceptar someternos a estas novas correccións nas nosas vidas. Porque de aquí imos saír tod@s distint@s, haberá mudanzas nas nosas vidas diarias, nas relacións cos demais e no funcionamento social, laboral e nas relacións co Estado.

Mudarán todo tipo de cousas, desde a redución do uso da moeda física ao aumento das relacións e operacións telemáticas e até a forma de saudarnos e o contacto persoal. Aumentará o paro. Mudará o lecer, afectará a sectores hipertrofiados como o turismo e moitos outros, o consumo de viaxes e lugares terá unha redución importante a curto prazo...

É unha oportunidade tamén para revisar comportamentos sociais e as prácticas políticas. O momento de ser non ousados senón sensatos, recuperar o músculo da sanidade, da escola e da asistencia pública. Reforzar todo o público, nacionalizar o que foi espoliado “privatizado”. O momento de que a política sexa a de verdade, espir o barullo todo da linguaxe coa que agocharon o roubo do público. Mostrar o disparate perigoso que é ese Madrid que de permanecer na forma dun burato negro que traga as enerxías parasitando pasou a ser un expendedor de caos, espir o centralismo mastodóntico.

E que sinalar como temos errado tanto tempo tendo de gobernantes a un presidente corrupto e inútil que só fixo unha cousa, regalar a sanidade e os servizos públicos a empresas amigas. O amigo de Marcial Dorado e de Florentino Pérez.

Comentarios