Opinión

Experiencia paranoide de control

Estamos a vivir como persoas unha experiencia de control case total, encerrados nun lugar só se nos permite a comunicación a través da telefonía e a Rede. Se non fose porque existen as redes sociais estariamos absolutamente a mercede da máquina do Estado, coas súas extensións, eses medios de comunicación da corte que son parte do mecanismo de control da poboación. Unha experiencia de control social, político e psicolóxico da que só, repito, nos dan un respiro as redes sociais. O seguinte paso, suprimilas coa desculpa das “fake news”.

É un acontecemento tan virtual como existencial, algo novo na nosa época tecnolóxica e virtual. Unha época na que estamos sós baixo os Estados e enfrontados a un mal exponencial que nos deixa indefensos. Noutras épocas, ante a peste negra ou a gripe do 18, a relixión enchía o baleiro. Agora, onde vai a relixión? Ese baleiro é un aspecto máis importante do que parece nun momento no que estamos obrigados a encarar con ansiedade a doenza e a morte.

E no caso do Estado español a forma na que se desenvolve esta catástrofe sanitaria, que vai ser económica e social, desencadea a crise do Estado centralista madrileño e da monarquía borbónica, reinterpretada históricamente por Franco e avalada polos pactos de submisión da Transición. Non hai dúbida de que este Estado centralista mostrouse incapaz de xestionar de xeito eficaz a resposta epidemiolóxica e a conduta colonial desde a corte cara aos territorios sometidos, ademais de prexudicial, é discriminatoria e ofensiva. Ofendeu, ofende. Para non recoñecer a dimensión e a gravedade da situación do Madrid dos poderes está a afundir a todo o Estado.

Da monarquía mellor non dicir cousa, mellor reproducir o estrondo das tarteiras da xente, que non pedía que devolvan diñeiro, os ladróns nunca devolven o roubado, pedían que marchasen os Borbóns por onde viñeron. Non sabemos como se vai desenvolver a crise sanitaria e tampouco podemos saber a evolución social e política, xa que a sociedade española no seu conxunto é moi débil cívicamente e a galega débil nacionalmente e o Estado demostrou a capacidade de encaixar e integrar o desgusto, viuse coas protestas do 11-M. Vese con Colau en Barcelona upada por Cs como barreira contra o soberanismo e Pablo Iglesias explicando que non hai crise da monarquía e a infanta fala ben o catalán. A ver como evoluciona a cousa. 

Comentarios