Opinión

Democracia é liberdade de expresión, de prensa

España é o estado do medo e a populación vive nun estado de ansiedade máis ou menos latente con explosións de ira a cada pouco. Hai quen xa deixou de ler ou atender radios e televisións porque, perdida a decencia e a ética do xornalismo tempo atrás, xa non atura a falta de vergoña duns medios de comunicación tan servís. Costa concebir a evolución da prensa española ao ditado da corte madrileña nas últimas décadas. Costa concebir como se degradou a vida social e como foi desaparecendo calquera alegría, como nos fixeron evidente que debiamos ter medo.

No mesmo día no que toda a prensa da corte e as súas provincias difundía unha publireportaxe sobre o rei e a súa familia, abrumados por ese servilismo tivemos que saber da última e derradeira degradación do Tribunal Constitucional que, sen que ninguén llo pedise, lexislou sobre o reglamento do parlamento catalán para que o candidato Puigdemont non poda ser investido presidente. É evidente que a Constitución xa é plenamente do PP e a cuadrilla do palco do Bernabéu, non nosa nin de ninguén máis.

Hai quen xa deixou de ler ou atender radios e televisións porque, perdida a decencia e a ética do xornalismo tempo atrás, xa non atura a falta de vergoña duns medios de comunicación tan servís

Nesa atmósfera social e política afogante é na que nos reunimos unhas duascentas persoas para a presentación de O Diario Galego. A manobra de afogamento sobre a cidadanía, sobre cada un de nós, conduce a que nos entreguemos á desesperanza. Ese é o seu obxectivo, encerrarnos nun inferno da cidadanía derrotada (“Deixade, vós que entrades, toda esperanza!”) e só poderemos zafarnos desas tenaces se evitamos ficar sós. Na compaña doutras persoas este sábado pasado fixemos unha aposta pola esperanza e pola decencia, temos dereito a unha prensa libre e nosa. Temos dereito a procurarnos información pola nosa conta e non ser escravos dun poder totalitario no que os medios de comunicación son a arma do poder dunha monarquía antidemocrática sostida e formada polos poderes económicos e os seus partidos españois. Nesta España a democracia segue a ser unha utopía e a liberdade de expresión, de prensa unha necesidade.

Mais só perdemos cando ficamos sós, cando non nos unimos para construímos nós a democracia, liberdade e liberdade de prensa. Descolonizadamente, sen medo e con humildade, paso a paso, diario a diario.  

Comentarios