Opinión

A carraxe pode dar esperanza

Onte xuntouse en Compostela unha voz potente, as organizacións sindicais e as plataformas a prol da sanidade pública demostraron músculo, poden encher a rebordar a Quintana. E esa voz de moitas bocas falou claro, non quere que Feijóo aprobe outro golpe á sanidade, outro roubo do que é público, do que é de todos. E ademais un roubo literalmente criminal, pois pon en risco a nosa saúde e as nosas mesmas vidas.

Feijóo dispón na Galiza do que dispón a dereita transversal do 155 no conxunto do estado, da placaxe sobre a sociedade que fai o sistema dos medios de comunicación español, até que punto pode defenderse a sociedade dese afogamento da súa voz? Até que punto dan chegado esas organizacións ao conxunto da xente. Esa é a ansia que temos uns e ese é o medo do PP de Feijóo.

E a enerxía que levanta esa voz de protesta é a carraxe ante o roubo da saúde pública. A carraxe xustificada por unha agresión inxusta debe ser expresada e entón é liberadora e pode ser curadora, mais cando se traga dá en resentimento autodestrutivo.

Sobre iso teño que reflexionar pois persoas que me queren ben dinme reiteradamente que cando escribo opinión fágoo con moita dureza, “ti non es así, tan duro como as cousas que escribes”. E tenme unha miga desconcertado, debo darme resposta.

Persoas que me queren ben dinme reiteradamente que cando escribo opinión fágoo con moita dureza, “ti non es así, tan duro como as cousas que escribes”

 

Pode ser, digo eu, que sexan os demais quen non gusta de ver esas realidades que describo tal e como son. É unha explicación. E que precisamente o meu empeño é violentalos até obrigalos a encaralas doutro xeito.

Tamén, coido eu, responde á miña persoal experiencia de ter vivido nun país onde a liberdade de expresión foi e mais é castigada e reprimida, a saber que agora permítenche opinar aquí e quen sabe se mañá xa non cho permitirán os amos da comunicación. De maneira que a tal dureza miña respondería a querer aproveitar a ocasión en tanto dura.

Encontro no país, na sociedade concretamente neste tempo que me toca vivir moitas razóns para dicir as cousas cunha claridade que sexa dureza mais, dun modo ou doutro, debo aceptar que hai en min un lado desa dureza que me sinalan e me obrigan a recoñecer outras persoas que me queren ben e mais non son coma min. Así e todo, quixera crer que esa carraxe miña fose útil e transmitise esperanza e non desesperación, que esa debe ser a función de quen emite opinión á sociedade. Pois, ao cabo, se un leva tantos anos mallando no ferro é porque no fondo cre que o ferro pode acabar dobrando.

Comentarios