Opinión

A "bilboinidade"

É evidente que Euskadi existe, que queiran que non os políticos e os intelectuais da corte, porque así o quere a xente vasca. E miran as maneiras de seren eles, é dicir marcar límites propios, nas modas, nos cortes de pelo, nas ideas, nas festas, nas linguas... Hai que roelos.

E Bilbao ten poderío. Xa no “Hamlet” o Shakespeare refírese á dureza dos grilletes bilbainos, lembro non hai tantas décadas a cor loura suxa das augas das fábricas do río Nervión, agora leva tanta auga da invernaxe que está intratábel, mais hai días plácidos nos que a xente pesca a cana. O que eran fábricas agora son instalacións para a administración, o estudo e o lecer. Ónde van aqueles obreiros que fundiron alí a vida, tamén eles con grilletes nesas naves.

Os señores da cidade son unha camada estensa, homes maiormente e instruidos na universidade de Deusto. Hai unha contención e un dominio peculiar dos xesuitas. E toda a cidade ten unha particular dureza, é sabido que agora está linda linda (pódese dicir xa que o Guggenheim é un grande electrodoméstico moi pavero e que por dentro é un edificio absurdo ou aínda non?). En vendo estes edificios penso en Vigo, na arquitectura urbana que perdeu, na cidade que foi Vigo e na que podía ter sido se o meu país fose outro e non este que se autodevora. Bilbao quérese e conserva a arquitectura que mostra o poderío e a tradición. E Vigo, non. BIlbo é unha capital culta, europea.

Pódese dicir xa que o Guggenheim é un grande electrodoméstico moi pavero e que por dentro é un edificio absurdo ou aínda non?

 

Aínda así a voracidade do centralismo da corte madrileña traba onde pode e con Aznar decapitou o poder financieiro vasco, entregoulle o BBVA a un cortesano natural de Chantada, e agora aínda que a sede social segue aquí na práctica o banco xa está en Madrid. Quédalles unha caixa de aforros, iso si.


E agora Bilbo sen deixar de ser ela ensaia novas civilidades, a poucos metros conviven as boas mesas de restaurante coa pobreza que chega inmigrante. A cidade tan tradicional tamén é unha cidade moderna. Ten defectos, claro, os viños que serven son bos, aquí o Rioja non é a vulgaridade monótona que serven na Galiza, e o chacolí fresco é unha delicia, agora que no asunto das cervexas teñen moito que mellorar. Se te descoidas un pouco danche unha Heineken ou unha Amstel e tan tranquilos. Como é que non chegou aquí, unha cidade que ten por patrón a Santiago, a nosa “Estrella”?

Comentarios