Opinión

Moraña

Oubel é un apelido fermoso: de nena soábame a caramelo e oubeo. Os meus curmáns Oubel teñen un agasallo no seu apelido, un sabor a larpeirada montesía, algo así coma o xarope canadiano de pradairo.

Oubel é un apelido fermoso: de nena soábame a caramelo e oubeo. Os meus curmáns Oubel teñen un agasallo no seu apelido, un sabor a larpeirada montesía, algo así coma o xarope canadiano de pradairo. Ben, sirva isto para explicar que non vou escribir nin desde a obxectividade nin desde a distancia. O arrepiante crime de Moraña ven de poñer a vila da miña familia materna e un dos apelidos da miña parentela a carón do inferno. Un home bateu demencialmente contra as portas do averno e deixounas abertas de par en par. O fulgor macabro feriu en todas direccións ata moi moi de lonxe.

"O arrepiante crime de Moraña ven de poñer a vila da miña familia materna e un dos apelidos da miña parentela a carón do inferno".

Mais aló da desolación, tamén estou furiosa. Estes días o estómago deume para ler dous ou tres titulares nos xornais de maior tiraxe de Galicia. Non máis! En ningún deles había contención do tipo: Unha traxedia  conmove á vila de Moraña. Tampouco había nada  alentador do tipo Unha muller intenta sobrevivir ao horror. Non, todo foron despoxos e nun tipo de letra ben grande. Os xornais en papel sobreviven útiles durante semanas, meses. Pasan a ser un fondo de lacena do que tiras para limpar cristais ou protexer do chan mollado ou envolver botellas. E eses titulares morbosos acompañan as acción cotiás máis sinxelas. E un día calquera, unha nena calquera colle un xornal calquera e non vai haber ninguén ao seu lado para advertirlle O contido deste xornal pode ferir a súa sensibilidade.

Do mesmo xeito, na información audiovisual, canto adianta volver repetir outros dramas igualmente horrendos para ilustrar a actualidade? É inconsentible que se volvan utilizar retratos doutros meniños asasinados coma quen está a mostrar cromos da mesma colección. E só estou a criticar imaxes emitidas nos telexornais de máxina audiencia en cadeas públicas.

"É inconsentible que se volvan utilizar retratos doutros meniños asasinados coma quen está a mostrar cromos da mesma colección".

Nunca unha alcaldesa foi tan intensamente interrogada sobre as circunstancias da traxedia que tivo lugar no seu concello. E por que? Non porque sexa unha rexidora  que  vela polo benestar dos seus conveciños e se involucra nos sucesos aos que é sometida a comunidade. Non, interesa ese adobío privado que, neste caso,  leva adherido á súa persoa: muller íntima amiga doutra muller víctima. E veña a invadiren os micros nos seus sentimentos, nas súas emocións, no que ela cre que debería facerse, en como ela exercería a xustiza aínda que xa sabemos que non lle corresponde a ela manifestarse pero queremos que ante todo faga declaracións desde o máis íntimo da súa dor. Hai que encher minutos de información con algo de material intenso, sexa como sexa. E veña tripas e mentiras. Unha carta nunca enviada, unha primeira comuñón nunca proxectada. Unha morea de munición lacrimóxena. Contrastación cero da información. Unha desconsideración absoluta. E quédome curta coa palabra desconsideración.

Ademais de suliñar este ingrediente morboso nas traxedias, que os medios de información acentúan e que me produce aborrecimento e desconfianza en grao máximo, o que quero analizar tamén é outra consecuencia deste tratamento e exposición dos feitos.

Traballo no ensino público e aseguro que nunca é abondo o tempo que rabuñamos aos currículos decimonónicos para atender todas as faltas que se producen na convivencia contra as opcións afectivas e sexuais, a liberdade, a xestións das emocións... é unha tarefa inacabábel. Porque, de xeito recorrente, os medios de comunicación -entre outras forzas vivas da sociedade- alimentan xusto os valores antagónicos. O sexismo e a trivialización da violencia, a saturación do umbral ante o horror e a desgracia.

"De xeito recorrente, os medios de comunicación alimentan xusto os valores antagónicos. O sexismo e a trivialización da violencia, a saturación do umbral ante o horror e a desgracia".

Os medios de comunicación colaboran activamente na normalización da violencia, das violencias. Non son os únicos, evidente, pero estes días foron de manual. Seica nos deron todo luxo de detalles de como se traballa no inferno. [Mentres isto escribo, xa se produciu o dramático efecto chamada noutra familia, que arrepío] E nós ímolos dixerindo entre tapas e cervexas, na perruquería ou no café da sobremesa. E esa violencia queda incrustada no colectivo imaxinario -e real- e o seguinte é, por poñer un caso mínimo, que eu me terei que preparar para non deixar pasar, no vindeiro curso escolar, ningún chiste macabro sobre radiais e homosexuais. E queda máis unha vez trivializada a violencia. 

Teño para min que a falta de ideoloxía feminista colabora activamente na creación de determinado tipo de información e no silenciamento doutra. E queda máis unha vez, unha muller en casa e coa alma quebrada, a pedir publicamente serenidade e silencio. Mensaxe que foi ninguneada con esmero. E queda  unha sociedade sometida a uns titulares devastadores, ao guión da magnificación da violencia, a machista, a psicolóxica, a da rexouba, a da trivialización da información. 

"Seguiremos alentando outras mensaxes contra as apisonadoras mediáticas. Traballo invisibel e que non leva cualificación no expediente do alumnado, por certo".

Non sei como se podería romper esta cadea de transmisión. Ou tomando os espazos dos medios de comunicación -como eu me atrevo a facer arestora- ou convertíndonos en lectoras obxectoras, avisadas, incómodas e profundamente incomodadas.  

No ensino seguiremos parando a aula cando escoitemos a máis mínima barbaridade contra a liberdade dos afectos, o dominio dos roles de xénero, a xustificación da intolerancia, a violencia da desinformación, a abusiva información da violencia. Seguiremos alentando outras mensaxes contra as apisonadoras mediáticas. Traballo invisibel e que non leva cualificación no expediente do alumnado, por certo.

E conclúo. A palabra Oubel sábeme a pan de manteiga e xantares familiares. Andaba por alí unha meniña que acabaría por se converter na primeira muller alcalde de Moraña.  Escribo para tod@s el@s. Sobre todo escribo para esa muller discreta que intenta sobrevivir ao inferno.

Comentarios