Opinión

As nosas aulas importan

Profe, estarás con nós para o ano que vén? Gustoume escoitar esa pregunta do meu alumnado o pasado mes de xuño cando nos despedimos despois dun ano académico moi complicado, cheo de dúbidas, incertezas e, por que non dicilo, medos. Iso significa que se sentiron ben, pensei.

Distancia, máscara, hixiene, grupos burbulla, son palabras que ían resoando nas nosas cabezas. E así comezamos o curso, tendo que estar uns minutos antes na entrada do instituto para tomar a temperatura ao alumnado, organizando comandos de limpeza para hixienizar antes de saír da aula, esforzándonos por extremar e facer cumprir todas as medidas de seguridade. Tentando en todo momento infundir tranquilidade e calma, malia a situación, e sendo un soporte emocional para o noso alumnado, algúns deles perderon a familiares queridos e estaban moi tristes. Porén, foi un curso esgotador. E chegamos a xuño cansas e cansos e todo isto tendo que afrontar unha convocatoria de oposicións. Se o curso tirou adiante, non me cabe ningunha dúbida que foi grazas ao esforzo do profesorado e do alumnado.

No entanto, veño de ler un correo de CIG-Ensino que nos informa dos drásticos recortes de profesorado do curso 2021/22 que a Consellaría de Educación ten previsto aplicar nos institutos de ensino secundario. Tal e como denunciou estes días o IES María Soliño nas redes sociais, non merecemos esta inxustiza. O estudo que levou a cabo o sindicato, realizado a pouco máis do 50% dos centros de secundaria galegos, indica un recorte de 439 prazas con respecto ao ano pasado. Só é preciso ver a cara de preocupación das directivas dos institutos, se falas un intre sobre o tema. Reducíronnos 8 profesores respecto do curso anterior, dicía con preocupación o xefe de estudos no meu centro. Non só non se van cumprir as medidas de seguridade necesarias para afrontar este novo curso escolar, senón que demostra o pouco que lle preocupa á Xunta a educación pública neste país.  

Era visto, Feijóo xa manifestou ao inicio da pandemia que ía utilizar o orzamento extraordinario Covid de educación para outros fins, uns 200 millóns de euros. Que boa xestión dos cartos públicos, verdade? Mentres as administracións educativas noutras comunidades autónomas, tamén gobernadas polo PP, blindan os cadros de persoal Covid, aquí a Consellaría decide que vai recortar profesorado. Nun momento no cal expertos en saúde pública afirman que o outono vai ser complicado e que o virus vai estar nas escolas. Precisamos reforzos, non recortes.

Feijóo deixa desprotexido neste momento un dos sectores máis vulnerábeis da pandemia, a poboación infantil e xuvenil. Chega con botar unha ollada aos datos do Sergas. Na Galiza, entre a poboación de 10 até 14 anos só hai 201 vacinados cunha primeira dose. Como nai e docente rebélome diante desta situación inxusta.

As nosas aulas importan, aínda están a tempo de rectificar.

Comentarios