Opinión

A Educación Social acompaña, non asiste

Inclusión Social. Dúas verbas tan sinxelas e tan complicadas que para a Educación Social son a base da profesión. 
Está de actualidade a remodelación da Lei de inclusión social da Galiza, e o que sempre podería ser una oportunidade de xerar cambios, seica non é tal. Escúsenme vostedes, mais vendo as últimas actuacións, semella que non será máis que outra forma máis de baleirar o cocho: ofrecer contratos por seis meses que xeran maior desprotección ao finalizar os mesmos e que reducen números é algo que tecnicamente todas desaprobaríamos. Daquela, que facemos?

O regulamento galego recolle unha serie de directrices de obrigado cumprimento pola normativa europea, que xa deixa entrever a complexidade e dificultade de acceso para a cidadanía e mesmo ás profesionais que nos servizos sociais comunitarios atenden á poboación máis vulnerable. Rendas condicionadas como a Risga, IMV e un longo etcétera espallado polo territorio (que dende os distintos estamentos remendan situacións de pobreza, de vulnerabilidade económica e, polo tanto, social), seguen sendo labirintos para as persoas e mesmo para as profesionais que tramitan, supervisan ou fiscalizan. Ás veces parecen formas de entreter a poboación entre citas e burocracia. Peticións de documentación coas que a Administración xa conta, novas petición cando se atrasan os prazos, documentación polas que en ocasións teñen que pagar ou non poden conseguir, profesionais queimadas por facer de todo menos exercer a profesión, plans de traballo con menores en situación de vulnerabilidade económica (cando a normativa de protección do menor recolle claramente que o indicador de pobreza non o debemos utilizar como indicador de situación de risco...). "Todo pola inclusión social, pero sen inclusión social".

A Educación Social está cada vez máis presente na vida das persoas en maior situación de vulnerabilidade. Non podemos nin debemos colaborar en asinar proxectos que fiscalizan, criminalizan a vida das persoas e non favorecen a inclusión social das persoas que asinan. E moito menos das crianzas.

Dende as entidades nas que estamos presentes, como nas escolas, no ámbito comunitario, nos servizos sociais, ou nos servizos de educación e apoio familiar dos concellos debemos funcionar como factor de protección e de apoio ás persoas que acompañamos, coas que nos vinculamos e facer una nova fotografía do que "o social" é para as persoas. A educación social debe ser un factor de protección na vida das familias e iso leva consigo estar con elas, saír dos despachos e entender e defender que outro escenario é posible, especialmente coas crianzas. 

Se falamos de inclusión debemos falar de oportunidades, de propostas novidosas e de garantías a medio e longo prazo, á fin de posibilitar que os cambios se manteñan na vida das persoas. Cambios posibles, cambios reais. E non contos. Ofrecer apoios puntuais sen xerar oportunidades mantén a vulnerabilidade condicionándoa a procesos burocráticos aos que é difícil escapar como profesional. E moito máis como persoa en situación de vulnerabilidade.

A educación social favorece procesos de acompañamento que deben centrarse na persoa, nas potencialidades da persoa a quen acompañamos, co obxectivo de facer posible a inclusión social no seu sentido máis amplo: tecendo redes, ofrecendo opcións, lembrando dereitos, xerando novos procesos, defendendo e explicitando os dereitos da cidadanía.

Como profesionais temos nas nosas mans acompañar dende una visión non asistencialista, converténdonos no que Martínez de Mandojana Valle chama "profesionais portadoras de oxitocina", favorecendo redes e dinamización comunitaria. Mais iso, queridas colegas e apreciadas familias, supón movemento, cambio, loita contra os procesos que fan máis vulnerables ás persoas en situación de vulnerabilidade. Loita democrática, pacífica e participativa.

Finalizo optimista, como me gusta recoñecerme, manifestando que, se queremos ser profesión esencial, debemos defender a nosa esencia profesional. E se traballamos a inclusión debemos ir á esencia da inclusión: a persoa.

Comentarios