Opinión

Valedoras

Desde hai anos, nos meus percorridos por estas fermosas terras na procura de historias e fotografías, teño recibido un dos galanos máis xenerosos que alguén me puidera agasallar: a confianza. Homes e mulleres téñenme aberto as portas. Ás veces de cociñas, fornos ou lagares, casas, castelos ou igrexas; outras, da súa memoria e do seu saber, for do territorio ou da vida mesma.

Realizar o calendario d’O Sorriso de Daniel cada ano supón sempre unha celebración do Románico rural. Pero tamén a oportunidade de poñer en valor, e moitas veces, tristemente demasiadas, denunciar abandono, roubos ou atropelos. Un ano foi Diomondi; outro, San Paio de Abeleda. En 2020, a publicación do documento que o cura de Moraime deixou ante notario do roubo da pía románica por parte de Carmen Polo…

Pero este ano, máis alá do que as fotos conten de cada igrexa, hai catro retratos que levan por título, Grazas!

Margot, con nome de tango pero criada en Cereixo; Esperanza, chea de acordos en Xaviña; Barca, filla e neta das mulleres que miraban pola capela de Tosto, e Isolina de San Antoíño, buligando sempre dun sitio noutro. As catro chegaron á cita coas chaves nunha man e flores, candeas ou papeis na outra. Todas elas teñen unha historia, ou moitas, lembran romaxes, cando pasaba o bus e canto o mundo as abraiaba... Os que estaban, os que marcharon e non volveron, ou retornaron sendo outros.

Elas catro representan a aqueles que todos estes anos nos regalan o seu tempo para nós mostrarmos ao mundo esas pequenas marabillas en pedra. 

Mil grazas, valedoras do patrimonio!

Comentarios