Opinión

Unha arela

Coma vós abro a porta do derradeiro mes do ano. Todo comeza a encherse de luces nun ano en que imos pagar o dobre por todo, mesmo hai quen xa ten aquelada a cea de Nadal, os galanos, os adobíos... E teño que recoñecer que me sinto perplexa, desamparada. Coma esas veces que vas por compromiso a unha festa onde non coñeces a ninguén e, para máis inri, ha de andar por alí algún que che cae coma unha patada. No medio dese apurado baile de organizadores de reunións de amigos e empresas adiadas o ano pasado atópome, como diría Manolo Rivas en “stand by, agardando polo meu love”.

Os que temos parte dos afectos grandes ao outro lado do mundo, andamos constantemente pola vida cun buraco no corpo e na alma.

Por alí pásannos os ventos da señardade e trememos co frío, mesmo a carón do lume.

Os 9554 km multiplícanse e xa non chega coas videochamadas nin os brindes e os bicos a distancia.

En tempos normais buscaría acubillo no colar de amor que fun armando cos anos nesta que agora é a miña terra, pero ata ese consolo me ten sido vedado.

Prefiro un abrazo a mil lámpadas de díodos, un mate, unha xerra de cervexa ou un viño con pan e queixo que unha perna de cordeiro da Meseta ou unha fonte de marisco mercado en novembro.

Aínda estamos a tempo de tornar estes días nunha representación real do que é importante de vez. Por aqueles que marcharon e non puidemos despedir, polos que xogaron a súa vida para salvaren a nosa, porque sexa este un tempo de esperanza, menos leds e máis luz.

Comentarios