Opinión

Tacóns

Na economía da reciclaxe imperante na miña familia só sobrevivían os Bergantiños, eses zapatos de sola grosa e coiro resistente a pozas e xeracións de primos. Así que, en canto axexaba o verán, eu miraba embobada cada escaparate, devecendo por un par de sandalias de tacón. Ao primeiro, esperando ter os anos; despois, en ter os cartos, e, finalmente, pregando por un milagre que fixese desaparecer o xoanete que me deformaba o pé.

No Uruguai persiste un costume que para algunhas mozas é un soño e para outras un pesadelo: a festa dos quince, a presentación en sociedade doutros tempos; ou, como diría unha tía miña, un aviso para os machirulos de que a nena está xa no mercado. Ao lle preguntar, contestaba toda anoxada, que aquilo que se vía tan bonito non era máis que unha feira onde ás mulleres nos trataban coma gando.

Eu non tiven oportunidade de celebración, porque na miña casa non había nin pai nin cartos para tal dispendio. Para consolarme, miña nai, de regalo “dos quince”, levoume á zapatería Macri, a do centro, non a do barrio. Alí, segundo viñan as caixas, volvían de volta, porque ningún modelo era capaz de disimular óso e dedos tortos . Aquela foi a primeira vez que pasei vergoña por ter que ensinar o meu pé.

Este verán, operación e rehabilitación mediante, chegou o día de comprar o meu primeiro par de sandalias!

A ilusión era tanta que non dei esperado e estreeinas igual, bailando baixo a choiva.

Agora tan só falta que a Compostela, veña o bo tempo de vez.

Comentarios