Opinión

San Martiño

Coñecín a Jordi no Pindo, dando chimpos de pedra en pedra coma unha cabra. Na súa cabeza, toda a toponimia da zona; na súa voz, toda a benquerenza por un lugar que a Administración segue sen recoñecer como parque natural. “O Pirata”, como lle chamamos todos, a diferenza da máis da xente que quere chalé na praia, meteuse un día a restaurar por el unha casiña vella de pedra no medio do monte. Vai aos poucos, pero desde o primeiro levou o seu cabalo, cabras, ovellas, cans e un porquiño. 

Con eles en ordenada harmonía vemos a Jordi, recuperando madeiras, portas, pedras, rematando o día con longos paseos. O que ao vir era un pequeno e rosado quiniño virou nun colosal exemplar que andará polos 400 k e que gañou a pulso o nome de Churrasco. Convivir con outras especies levouno a asumir comportamentos que por veces parecen máis de can que de cocho: é quen de guiar as cabras para o cortello, de avisar cando hai visita, ou de saír ao camiño e botarse a ti se non che ve boas intencións. 

Dá igual que o seu cubil teña unha porta reforzada, arrampla con ela e sae campo a través. Mete máis medo que un rottweiler velo vir cara a ti. Goza como o que máis do baño, ata tal punto que os veciños cambiaron os versos e cántanlle: “ polo río abaixo vai un porco de pé”. No mes dos mortos, mata os porcos, di o refrán. Pero iso a Churrasco non lle afecta; sabe que despois de cinco anos de perdón, por San Martiño na casa do Pirata só se pode catar o viño. 

Nunca mellor dito, longa vida Churrasco!

Comentarios