Opinión

Polos traballadores e as traballadoras

"Por liberdade, traballo, salario e amnistía”. Así dicía a pancarta que coroaba o escenario aquel 1 de Maio na agónica ditadura uruguaia de 1983. Había xa dez anos da última e cruenta manifestación, agoiro de aínda máis escuridade, represión e cadea para os que ousaban congregárense sen permiso. Porén, a argucia procuraba vieiros para que as reivindicacións fosen escoitadas: xeiras de tambores e candombe, encontros de fútbol entre traballadores das fábricas, papeis guindados desde os eirados, desmedido interese relixioso… 

O baile nacional, o credo do balón, a parroquia do cura da teoloxía da liberación… todo valía na loita polos dereitos dos traballadores. No barrio tamén nos prepararamos de vez; aquela ía ser a nosa primeira marcha sindical! Ben cedo, armados todos con xerseis ao pescozo, bandeiras e algún chifre, fómonos amoreando. Botamos a andar cara á praza co afán de nos saber nun día histórico. Marina e mais eu, expectantes no medio dos compañeiros, eramos case as únicas rapazas. Miramos arredor e poucas máis había. As nais quedarían na casa, cociñando para cando os homes volvesen. A cotenadas fomos gañando sitio e ao pouco estabamos case diante de todo (máis ben contra un lado, por consello dun vellote cano) por se houber que saír ás carreiras. Afoutadas polo fervor que respondía a cada proclama, fómonos acendendo. “Bla bla bla… os traballadores!”- dixo un orador. “E as traballadoras!, ruximos nós a dúo- tamén loitamos!” Foi un inicio e alí estivemos, para darmos fe.

Comentarios