Opinión

Outra historia

Por culpa de Disney fun aborrecendo raíñas e princesas desde ben nova.

Que razón habería para que algúns tivesen regalías que a min se me negaban? Nada extraordinario para daquela: unha casa, comida farturenta, zapatos novos ou vestidos.

Por iso é raro que eu defenda aquí hoxe unha raíña… por riba, a Isabel a Católica.

E diredes vós: anda que non fixo aduanadas, entre xudeus, musulmáns e indios, para que veñas ti agora dar a cara por ela!

Pois si, a sororidade tenvos estas cousas e a César o que é do César.

No seu día, o  profesor de Historia situou no meu maxín  esta raíña, non como aquela que cambiou o mundo (para ben ou para mal) senón como a que non mudou a saia de por baixo  en anos, quedando a roupa interior tan cocha que o día que a quitou naceu o gris isabelino.

Aquel home perpetuou coma outros moitos esa imaxe da muller podente á que é preferible describir por prexuízos machistas e misóxinos que como estadista, batallante ou conquistadora: Isabel, a porcallana.

Estes días descubríronse documentos que contradín totalmente  a acusación: libros con inventarios dos frascos de xabón, cremas, perfumes e desodorizantes que usou a monarca en vida.

Deseguida quixen mandarlle copia do artigo ao meu mestre. El, que sempre me aprendeu a buscar as historias detrás da historia, seguro que ía gozar coa noticia. Cousas da vida, seica morrera xusto no día en que esta historia viu a luz.

Desde a tristura despídome del, coa certeza de que en algures hai de andar preguntándolle a Isabel pola auga de mirtos.

Aburiño, profe Horacio. Ata máis ver.

Comentarios