Opinión

Escoitar o mundo

Nestes tempos de podcast ando polas escolas tentando namorar a rapazada da radio, o meu primeiro gran querer.

Tiña seis anos cando a mestra preguntou se me darían permiso para participar nunha radionovela. Non sei como miña nai permitiu que formase parte daquela troupe de homes e mulleres de marabillosas voces, que, unha vez por semana, traían polo camiño da amargura a medio país!

Recordo a emoción de subir as escaleiras de mármore cara ao cuarto marrón escuro e a porta de cristal bordeada polo cartel de “on aire”. O radioteatro chamábase “Lobisón”, e nel eu viña sendo a filla da protagonista e o licántropo de lúas cheas. No libreto, as miñas frases subliñadas. Silencio!... E a maxia aflorou. Non sei ben o que tal faría aquel día, pero a audiencia quedou impactada pola miña actuación, tanto que me integraron de cheo no elenco. Cada capítulo era unha clase mestra. Devoraba as caras dos compañeiros, movementos, miradas, respiracións. 

Pero se algo me pasmaba era a mesa dos efectos especiais. Aínda que desde a cabina de control o técnico se ofrecía a crear sons electrónicos, no estudio seguíase coa vella escola: pasos, portas renxendo, tormentas, ventos, golpes e leas saían de caixas, pedras, celofáns ou radiografías. O feitizo foi tal que miñas tías viraron toliñas polo lobisón, crendo que era guapo, sen imaxinar que detrás só había un homiño gordecho, birollo e de enormes bigotes. Ata miña avoa me daba ración dobre de biscoito, por todo o que me facían sufrir “naquela familia”. E foi daquela cando empecei a comprobar a forza da voz creando universos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios