Opinión

Escaseza de sentidiño

De nena vivín un par de épocas de escaseza, unha de trigo e outra de carne... no Uruguai! A de trigo fixo que durante un tempo tiveramos que comer pan de sorgo, unha fariña moi valorada hoxe en día por persoas intolerantes ao glute, que daquela era sinónimo de pobreza. E a carne foi substituída por latas de corned beef, un invento do demo que só tiña de bo a colección de ferragachos de latas que usabamos para facer pulseiras. 

Miña nai disfrazaba o sorgo con capas gordas de doce de marmelo e a carne enlatada cunha oración que dicía “peor ule un morto de fame”.

Miña irmá e mais eu tentábamos imaxinar a que podía cheirar un morto de fame, se uliría máis mal que aquela carne en salmoeira inventada polos ingleses para alimentar os escravos negros, cousa que levou a elucubracións tan macabras que non dabamos durmido por causa dos pesadelos. 

Cando meses despois volveu a fariña de trigo, pregámoslle a miña nai que mercase moita e que a gardase na casa, para non termos que comer nunca máis aquel pan cheo de pedriñas e cascas. Ela prometeunos coller o xusto. Que se se repartía ben, non lle ía faltar pan branco a ninguén. Máis que nunca lembro aquel día agora que din que vai haber escaseza de xoguetes, electrodomésticos e coches, que o “blacfridai” e o “nadal” corren perigo de acabaren desabastecidos. Hai quen está comprando pilas e candeas por se quedamos sen electricidade para sempre... Dáme na alma que isto vai ser coma o do papel hixiénico, xuntar e reter pensando co cu.

Comentarios