luns 25/10/21

Castañas

Durante moitos anos a castaña era para min unha cousa case irreal que saía nos contos. Como a "zarzaparrilla" e os "malvariscos". Era quen de describila polo miúdo pero nunca a tocara nin a probara antes. Digo isto para que entendades a emoción que sentín estes días cando, por vez primeira na miña vida, enchín unha cesta con castañas do “meu” castiñeiro. 

Namorei do meu “peor é nada” para sempre o día en que me trouxo un cornete cheo de castañas quentes. Era unha tarde desas de finais de outubro, cando o aire ule a choiva, a fume, a vento, e o ceo está tan baixo que se podería tocar. O frío da morriña que nos entra aos que temos dúas patrias puxéraseme no peito. Pásame sempre nestas datas. Será que o de facer anos non se me dá ben. Nestas estaba eu, coa alma en ascuas, cando recibín o galano. Aínda hoxe rememoro o gozo de morder a primeira castaña, un sabor ao que acudo como quen vai á fonte saciar a sede, como quen achega as mans ao lume da lareira.

Hai uns días, dona dunha inmensa torpeza e unha grande afouteza, recollín os froitos do castiñeiro da casa. Espiñeime, rin, batallei cos corvos o meu cachiño de ceo, e, finalmente, cargada atravesei o prado. Os veciños din que son pequenas de máis, e, ante a miña cara de desencanto, engaden, “Pero ben saborosas!”. 

Téñoas preparado con anís, asadas e tamén en chulas, coma as que fan no Pote, en Piloño. E cada vez que gozo dunha castaña sinto o morno abrazo que me dá a terra e penso para min: “Eu tamén ando a vareadas, a repañar, a soutar, a festexar o outono".

comentarios