Opinión

Alimentando memorias...

Andaba un día recollendo historias cando chegou o momento de gravar. A non ser que quen me conta o suxira desde o principio eu non meto cámaras nin gravadoras, polo menos ata que non establezo un vínculo de confianza e consigo autorización. Non as tiña todas comigo porque estabamos a tratar temas moi delicados: guerra, sexo, cura de doenzas de mulleres, desas que os doutores teiman en ignorar... Unha delas preguntou: "isto vai saír no "yutube"?; axiña contestei que se non querían non. Pero ela porfiaba:- "E o 'yutube' ese vese nos Estados Unidos?" Ao eu asentir faltoulle tempo para darme permiso para todo, para gravar e metelas na 'interné', que os netos estaban no outro lado do mundo e elas tiñan moito que contarlles da vida e das cousas. Estes días pasoume algo similar, outra muller dedicou unha mañá enteira para aprenderme unha receita que cada vez se fai menos.Seica a aprendeu de súa nai, co "ti vas vendo" e foina perfeccionando en anos de domingos familiares. "Guapa, guapa non vou saír, pero o que importa é que alguén se entere disto", dixo. Ten a beleza da palabra xenerosa. Contaba Galeano a historia dunhas escravas que fuxían dos amos levando agachadas sementes entre as crechas cabeleiras. En chegando a un lugar apracible, sacudían as cabezas e fecundaban o esparexido coas súas historias. Agora que veñen días de familias reunidas, non debemos aforrar é en palabras. Fertilicemos un tempo novo espallando sabenza coa nosa voz.

Comentarios