Opinión

Queremos un título sen valor?

Cando a Garda Civil detivo un médico de Vimianzo por exercer sen estar titulado en agosto de 2009, levaba 22 anos de profesión e os seus pacientes, centos, falaban dunha traxectoria impecábel. Estaban satisfeitos coa súa atención, coidaban que era un bo doutor e, aínda así, rematou ante a xuíza. Porque, para exercer determinadas profesións, non fan falta só coñecementos, vocación, talento e práctica, senón tamén un título. E que se esixa ese título parte dun convencionalismo. Non o escribiu Deus nas táboas da lei, non é un dereito universal e nin tan sequera garante que quen o enarbore sexa ou vaia ser un bo profesional.

O título é só o pasaporte que impón a nosa normativa para exercer a medicina. Ou o Dereito. En España non podes defenderte a ti mesmo nin iniciar un proceso penal sen avogado e procurador. O que si podes, sen formación ningunha, é ser xornalista malia que existan 41 centros nos que se imparte o grao de xornalismo -máis 35 o de audiovisual- e que no curso 2020/2021 finalizaran estudos universitarios vencellados a estas carreiras máis de 10.500 alumnos.

A pregunta é para que se fan estes estudos. Mesmo para que existen. Preguntas acaídas cando vimos de ser testemuñas da intención da CRTVG de convocar unha oferta de estabilización sen requirir a titulación en Xornalismo para a praza de redactor. O Colexio de Xornalistas respondeu á polémica pedindo que o título fose condición sine qua non e, ao final, impúxose esta opción, si, pero deixando no aire os mesmos interrogantes.

Para comezar, deuse o paradoxo de que persoas que levan anos traballando como redactoras e que queren consolidar ese posto carecendo de título, amosaran o seu carné de colexiadas por aquela 'amnistía' fundacional do Colexio. E, para rematar, porque tanto a petición colexial como a convocatoria final contemplan que para optar á categoría de redactor sirvan as titulacións en Xornalismo e en Comunicación Audiovisual cando para ser produtor ou realizador só serve a de Audiovisual. Conclusión: non ten sentido cursar Xornalismo e mesmo está de máis facer o dobre grao porque con Audiovisual abonda.

Outro galo cantaría se o xornalismo tivese amor propio! O sector vive nunha eterna crise, agudizada pola obsesión coas tecnoloxías, a inmediatez e a rendibilidade

Con todo, agora as persoas que non teñen ningún dos dous títulos "ou equivalente" van quedar fóra do proceso da compañía pública. Preguntábase o alcalde de Vimianzo no seu día por que o médico tan querido por todos non tivera a ben rematar a carreira nos 22 anos que estivo traballando. É a mesma pregunta que xurdiu a propósito dos traballadores da CRTVG. Ter unha clínica en funcionamento e, ao tempo, ir a clase igual non callaba. Pero matricularse en Xornalismo era perfectamente viable e de feito houbo quen si o fixeron.

Unha cuestión máis ten que ver co feito de pedir só a carreira de Xornalismo para traballar nunha empresa pública. Xa lle gustaría ao doutor de Vimianzo, que tiña unha clínica privada, que se lle aplicase ese criterio. El declarou no xuízo que lle faltaban poucas materias para rematar a licenciatura e hoxe discútese a posibilidade de exercer sendo estudante por mor da escaseza de facultativos, unha mostra máis de que se impoñen as circunstancias e as vontades e presións corporativas, ou políticas.

Ai, outro galo cantaría se o xornalismo tivese amor propio! O sector vive nunha eterna crise, agudizada pola obsesión coas tecnoloxías, a inmediatez e a rendibilidade. Falsos autónomos, contratos por debaixo da categoría, aplicación doutros convenios… ou unha intrusión profesional sen cancelas. A precariedade está á orde do día sen que colexios e asociacións parezan ter moito que dicir. Das facultades nada sabemos cando o que se cuestiona é a súa razón de ser. Esa pelota, disque, está no tellado dos sindicatos e un deles foi o que avogou por non pedir o título na CRTVG.

Todos aprendemos a escribir na escola. Todos facemos fotos co móbil. Todos editamos vídeos con Inshot e deseñamos con Canva. Logo, todos somos xornalistas. Pero tamén todos levamos un adestrador dentro e quizais xogásemos algúns minutos máis con Di María na final do Mundial. Seguro que somos mellores que Scaloni, pero nunca o imos saber porque el, para estar no banco, ten algo que nós non temos. Exacto! Un título.

 

Comentarios