Opinión

Vrao

O verán é un esperpento que nos saca da monotonía, tomámolo moi en serio e ofrece beneficios para a nosa saúde física e mental.

Chegou o vrao. Despois de dous largos anos de inverno, do inverno da Covid, chegou o vrao. A época estival que, dependendo do hemisferio, pode decorrer de decembro a marzo ou de xullo a setembro.

O vrao é a estación que se caracteriza, en termos xerais, por desenvolver as temperaturas máis elevadas do ano. Estival empregarase como adxectivo para designar todo o que acontece neste período: que nunca é pouco.

Persoalmente, gústame o verán. Dende logo máis que me gustaba. Os días son largos, o tempo é mellor, a xente parece máis animada, sempre ves máis ambiente nas rúas e terrazas e, por suposto, está a troula. O número de eventos, festas, feiras, mercados e comiolas increméntase de xeito exponencial nesta época do ano, que, a efectos prácticos, vén a durar as fins de semana de xullo e agosto.

Pero coidado, porque o verán é propicio para desilusións e inseguridades. Atopo que ao verán hai que chegar moi seguro dun mesmo. É unha época de exposición pública. Por fóra e por dentro.

Expoñémonos fisicamente nas praias, con traxes de baño que nunca nos quedan coma no manequín; nas festas, ás que acudimos coas nosas mellores galas; e nas comidas familiares e de amigos, que nos preguntan por aqueles plans que tiñamos na reunión pasada e que xeralmente nunca chegaron a nada.

Por todos é sabido que é no verán cando se produce o maior porcentaxe de rupturas e crises nas parellas. Pasamos máis tempo xuntos; temos máis tempo para pensar, un grande inimigo da felicidade humana; e as comparacións son odiosas.

A miúdo, uns amigos chegan e outros marchan —quen di amigos di familiares—, e tamén están os que os reciben. O que quedou pregúntase se a súa forma de vida é máis aburrida, ou pola contra máis tranquila que o que vive fóra; e que chega, revisita os espazos pensando se foi boa idea marchar ou debía ter quedado.

O que traballa bota en falta as horas libres para poder ir á praia e darse un baño, ou para tomar un aguiño nunha terraza. O que está no paro desaproveita o tempo amargado por un futuro que descoñece por moito que repense. Igual lle acontece ao estudante que, frustrado, imaxinaba o futuro doutro xeito.

Detrás dos "Que tal?" e "Como che vai?", hai un diván dun psicólogo que non nos cobra pero tampouco nos asesora de forma desinteresada. Coma un resorte, saltan os pensamentos e medos dos invernos: un fillo, o pai, a parella, a economía, a saúde, un mesmo. Eu nunca pregunto que tal, xa mo dirán. Menos aínda onde estás ou que fas agora. Cantidade de veces que a xente queda pensando nun razoamento que a min tenme que dar igual e á outra persoa a incomoda e ensombrece. 

O deber ser, aquelas regras, escritas ou non, conforme ás cales todos os individuos que forman parte dunha sociedade deben actuar, pois son as que determinan o correcto do incorrecto, pesan coma chumbo nas nosas mochilas.

Hei de dicir, en favor dos encontros fortuítos propios do vrao e do Nadal, que me saca un sorriso o tema da idade. Nótoo sobre todo na xente sénior, que se fixa se o veciño botou barriga, se lle falta pelo, ou fica máis maior que un mesmo tendo ambos unha idade semellante. Sempre coido que o di Pamela Anderson ou Brad Pitt, pero cando miro, se estaban, desapareceron.

Coñecidos cos que xa non tes moitas cousas en común, lugares idílicos que non son como imaxinabas, viaxes programadas que era mellor cancelar... Pero tamén: música, baile, risas, paseos, parolas, familia, claridade, vida, ledicia.

O vrao é un esperpento que nos saca da monotonía e que, a pesar de non convir, tómalo moi en serio, ofrece beneficios para a nosa saúde física e mental. Déixanos reorganizar as nosas prioridades, descansar da rutina, provenos de cousas bonitas que reter e relembrar, facilita o compartir tempo libre con outros, as actividades ao aire libre, o contacto coa natureza.

Definitivamente, convén preparar a pel para a exposición ao sol e os ollos estivais, mais, consumido con moderación, resulta reparador para todo tipo de doenzas e cavilacións. Para os invernos grises e días curtos que a rutina nos pauta.

Comentarios