Opinión

(Re)pensando a paz

Ante a devastación provocada polas novas armas e as tácticas de combate ensaiadas nas contendas napoleónicas, o significado de paz emerxe como antónimo de guerra. Os primeiros intentos de abordar o problema da paz dende unha perspectiva científica sitúanse nos EUA, inmediatamente despois da Primeira Guerra Mundial (1914-1918). A guerra, é porén coñecida e descrita xa nos textos antigos.

Maquiavelo dedica o capítulo XIV do Príncipe á guerra. Nel aconsella ao príncipe non cultivar outro arte distinto ao da contenda. Para Maquiavelo, a paz é unha efeméride na que lonxe de ficar folgado, o gobernante debe conformar un abondoso caudal de recursos que poder aproveitar ante a adversidade, para resistir a ela.

Para Hobbes, o estado de natureza é un estado de guerra. A guerra motiva a paz na medida en que é a posibilidade dunha guerra civil permanente, a que fai crer aos homes na necesidade dun ben común. Un ente superior que os organice e distribúa garantindo a paz entre eles: o Leviatán.

Carl Schmitt entende a política como un conflito permanente entre amigos e inimigos. Compartindo con Marx a idea de conflitos inevitábeis que operarían como motores da historia. O concepto schmittiano da política como conflito entre faccións, levou ao autor a falar de guerras xustas. Un tema aínda hoxe controvertido. Mouffe matizará a Schmitt para falar de adversarios, nunha dicotomía de enfrontamento que si permite acadar acordos.

Os contractualistas, Hobbes, Locke, Rousseau, Montesquieu, evitan a confrontación ordinaria do estado natural co contrato social, polo cal o individuo, previo ao Estado, cédelle a este parte das súas liberdades naturais en favor dun consenso contractual que lle permita ao segundo lexislar para a maioría, salvagardando os intereses individuais.

Á par que se desenvolve científica e tecnoloxicamente a capacidade destrutora dos Estados, vese a necesidade de evitar, no posíbel, o estalido de novas contendas. Ao punto de estar máis presente a paz no concepto de guerra, que viceversa.

En época recente, Galtung pormenoriza no moderno concepto de paz e na distinción entre paz negativa e paz positiva. Situando á primaria como a ausencia de conflito e á segunda, conceptualmente máis exixente, como un patrón de cooperación e integración entre os pobos. A realidade aterra a teoría coa paz imperfecta, pola cal se admite que, se ben é ilimitado o arrepío na guerra, non o é a xenerosidade na terra.

A paz é o que nos é imposto. Como seres humanos, sabemos que debemos moderar certos comportamentos e chegar a acordos, aínda cando a solución non colma as nosas preferencias no xogo.

Pouca axuda se precisa para permanecer nun estadio de tensión bélica. O verdadeiramente extraordinario da diplomacia é poder reconducir o problema antes de ser mutuamente desfavorable para as partes. Antes dunha realidade auto-destrutiva que obrigue á reconstrución dun pobo.

Comentarios