Opinión

Violencia sexual e maltrato a mulleres e menores

Violencia sexual e maltrato son dúas caras da mesma moeda e cando se exerce sobre as mulleres e os menores, como está a pasar, sen o máis mínimo motivo máis que o de abusar de vítimas indefensas é execrable.

As denuncias por abusos sexuais contra os menores van en aumento, cinco xuízos houbo por este motivo tan só na última semana, e iso é bo porque evidencia os grandes avances que se están a dar na loita contra estes delitos sexuais e morais.

Os abusos xerados coa violación de dereitos aos menores de idade marcan unha etapa na que se están dando a coñecer moitos casos de pederastia. Aínda que esta violencia na maioría dos casos é perpetrada por un familiar e iso fai que moitos deles queden ocultos.

O mesmo ocorre coa violencia contra as mulleres que se vén dando dende hai moitos anos. Non esquezamos que se empezou a denunciar non hai tantos tempo, pois  na época dos nosos pais, e anteriormente, víase coma algo que sucedía e nada máis. Todos somos sabedores de casos de violencia de xénero dentro da propia familia. Demasiadas veces esta violencia se dá diante dos fillos menores de idade. Dobre violencia contra as mulleres e os nenos.

Estes nenos van chegar a adultos xa marcados por isto e é moi probable que eles mesmos a practiquen dentro da súa propia familia pois será o froito da mala ensinanza que se lles dou. O peor maltrato é o que se produce dentro da familia pois é un contrasentido que a familia que se entende que está para coidarse e protexerse se maltrate.

O máis triste é que en pleno século XXI e en sociedades avanzadas se sigan a dar casos de abusos e malos tratos. Van en aumento as mandas de xente moza que non ven as súas compañeiras coma iguais senón coma simples obxectos sexuais ás que se pode agredir de forma verbal, sexual ou minusvalorándoas coma se fosen seres inferiores. E que a era das novas tecnoloxías se estea a utilizar para dar cobertura a redes de pederastia deixa moito que dicir desta sociedade.

Temos os medios para loitar contra todo tipo de abusos contra mulleres e menores. É necesario que toda a sociedade se implique educando aos nosos nenos e xoves para que máis pronto que tarde se acabe con esta lacra social.    

Comentarios