Opinión

Vindeiras presentacións do libro 'Coidados a maiores e enfermos'

A vindeira presentación do meu libro Coidados a maiores e enfermos terá lugar o martes 23 de xaneiro as 19:30h na libraría Cartabón de Vigo con Antón Arias Curto e eu mesmo como poñentes. Seguiremos coas presentacións o 31 de xaneiro á mesma hora en Ferrol no antiguo Hospicio, na rúa Méndez Núñez. Proximamente, 2 de febreiro, na libraría Couceiro de Compostela acompañaranme Suso Veiga Buxan e Olegario Sotelo Blanco, ámbolos dous coñecidos polos seus escritos e a súa militancia como galegos de pro. Durante todo este ano seguirei facendo presentacións en diferentes cidades das cales vos irei dando conta.

Como xa ben di o título do libro, a temática versa sobre os coidados ás persoas dependentes, xa sexa pola súa idade ou por diversas enfermidades incapacitantes para a vida diaria. Estes coidados véñense dando nas casas coa axuda do SAF, nos casos en que é posible, ou en residencias públicas ou privadas. O problema plantexado é que as residencias públicas son tan escasas que non alcanzan as prazas para todos os demandantes do servizo e as privadas están a facer un negocio cos residentes.

Por iso expoño a necesidade de construir novas residencias públicas para acadar todas as prazas que se demandan deste servizo. Si esto non fose posible habería que plantexarse a expropiación de residencias privadas para ser atendidas polos servizos públicos. No libro veredes un listado de algúns dos complexos residenciais no Estado español.

Destacan con moita diferenza Domus Vi e a Fundación San Rosendo pola gran cantidade de centros e negocios que teñen en todo o Estado. Considero que isto debería ser un servizo público, non un negocio cos máis necesitados.

Sería do meu agrado que vos animarades a participar nas vindeiras presentacións do libro e así, expresando a vosa opinión, puidésemos abrir un debate entre todos, que é a pretensión do libro: poñer sobre a mesa un problema e as súas posibles solucións.

Comentarios