Opinión

Servizos sociais iguais para todos os cidadáns

En agosto de 2023 lemos na prensa que a residencia de Santiago que pagou a Fundación Amancio Ortega está lista para a súa apertura. Esta é a primeira das sete residencias que a Fundación está a construir para doar á Xunta; as outras construiranse en A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol.

O centro de Santiago ía dotar a capital de Galiza de 120 novas prazas públicas. Por todos é sabido que tanto na Galiza como en Santiago se incumplen as recomendacións da OMS sobre o número necesario de prazas para atender unha poboación maior e dependente. Por todo isto recibiuse está noticia con esperanza e alegría. Pero…había unha segunda parte.

En novembro do 2023 publícase na prensa unha nova noticia: "A Xunta privatiza as dúas primeiras residencias de maiores doadas por Amancio Ortega". Eran as de Santiago e Lugo.

O Goberno galego, en vez de facerse coa xestión destas residencias, prefire pagar perto de 11 millóns para que unha entidade privade se faga cargo da xestión destes centros. A Fundación Amancio Ortega entrega unhas residencias a Xunta para que esta as xestione e o que fai a Xunta é privatizalas mediante subcontratas a entidades amigas como FESAM (Fundación de Estudos e Análises), que parece ser que é a que se vai encargar da xestión do centro de Santiago.

Estas entidades están para gañar cartos, e xa teño dito que non se pode facer negocio cos coidados a maiores, enfermos e dependentes. A oligarquía financeira abusa de que non hai suficientes prazas públicas para atender a todos os usuarios que o precisan, e así fai o seu negocio.

Non é doado pagar máis do que se cobra de pensión por un servizo social ao que todos deberíamos ter dereito. Se a maioría das prazas de residencia que hai na Galiza son privadas, haberá que facer algo para que estas prazas poidan ser pagadas polos residentes coas súas pensións en tanto non se crean prazas públicas e non seguir privatizando.

O SAF, desde que se solicita ata que se concede, poden pasar ata dous anos. Hai moita xente que morre esperando. Isto é outro problema a evitar e deberíase pagar unha indemnización a quen o ten solicitado e no prazo de seis meses non o recibe.

Queda moito por facer en canto a servizos sociais e a cobertura e mellora neles.

Comentarios