Opinión

O salario das mulleres

Dicía este diario a semana pasada que segundo un informe da Confederación Intersindical Galega (CIG) as mulleres cobran de salario un 18,7% menos que os homes e catro de cada dez cobran por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI).

Nós Diario facía unha pequena análise sobre a posición da CIG neste tema. As mulleres, despois do moito que se ten feito ao seu favor, aínda teñen moitas diferenzas negativas respecto aos seus compañeiros homes, entre elas o teito de cristal tanto salarial coma laboral.

Isto supón que as mulleres galegas cobren ata 5.000 € menos ao ano que os homes. Traballan gratis 30 días o ano con respecto aos seus compañeiros.

As causas de esta desigualdade son múltiples, entre elas a menor remuneración polo mesmo traballo; os tipos de contrato que se lles fan, en moitas ocasións a tempo parcial; carreiras profesionais menos estables por ter que dedicarse aos coidados, coa imposible conciliación; traballos máis precarios; …

Os cargos máis importantes e de máis alto rango nunha empresa son ocupados maioritariamente por homes, aínda que sexan as mulleres as máis preparadas, e por iso o salario de eles é mellor.

Si na súa vida laboral isto comporta para as mulleres maior precariedade económica no seu futuro empeora, pois as súas condicións laborais e económicas fan que o ter que acceder a un desemprego, unha baixa laboral ou a xubilación sigan a ter unha economía precaria que as veces roza no risco da pobreza e da exclusión social.

Foron as mulleres as primeiras en reivindicar o seu dereito o divorcio e o aborto. Foi o principio do feminismo a reivindicación de dereitos para todas e todos. Non hai dúbida de que agora somos moitos os homes que adoptamos a defensa do feminismo coma propia, sobre todo na esquerda ideolóxica.

Hai que seguir loitando pola igualdade de salarios entre homes e mulleres. Este traballo haberá que facelo dende os partidos políticos, sindicatos, medios de comunicación e toda a esquerda social.

Aínda falta moito por conseguir para romper co teito de cristal que aprisiona as mulleres e iso terémolo que facer entre todas e todos.     

Comentarios