Opinión

O SAF tardou dous anos en incluírme na lista de espera

Como xa sabedes levo case dous anos na residencia privada Domus VI San Lázaro debido á amputación dunha perna por problemas vasculares derivados da diabetes. Aínda estando convalecente no hospital púxenme en contacto coa traballadora social do meu concello para solicitar a axuda no fogar (SAF) que tan necesaria me era naqueles momentos. Comezamos coas previas, primeiro había que conseguir o recoñecemento da dependencia e ser valorado. Xa tiña recoñecida unha gran invalidez, aínda así tan só me valoraron co grao 1 de dependencia. Despois de reclamar que isto non era xusto, voltaron valorarme para concederme o grao 2. Isto significa máis horas de SAF, no meu caso 45 horas mensuais, totalmente insuficientes para a miña situación de dependencia.

Despois de dous anos de espera estou incluído nas listas do SAF e en breve se me concederá a axuda para así poder voltar ao meu domicilio deixando polo momento a residencia.

O SAF, en teoría é o mellor servizo que existe para os discapacitados, permite ter unha axuda na casa vivindo no teu entorno familiar. O problema é a súa tardanza en conceder o servizo, até o punto que hai futuros usuarios que falecen esperando, ademais as horas que se ofertan son tan poucas que é necesario complementalas coa axuda privada.

Estar nunha residencia é moi custoso e obrígate a saír do teu entorno familiar e veciñal. As horas pasan moi a modiño, para non caer no aburrimento hai que buscar un incentivo, algo que te manteña activo física e mentalmente. No meu caso este incentivo foi a escritura que xa viña practicando con anterioridade. Foi así como se foi xestando o libro Coidados a maiores e enfermos. Unha experiencia persoal na que entrevisto a distintos colectivos para saber a súa opinión sobre este e outros temas e plasmo a miña propia experiencia. O meu desexo é que este pequeno relato sirva para espertar conciencias, debater, dialogar sobre este e outros temas que aparecen no libro.

Presenteino xa en dúas librarías de Santiago e no Concello de Boqueixón. Haberá próximas presentacións en xaneiro na libraría Cartabón de Vigo con Arias Curto e en Ferrol con Paco Rodríguez; en febreiro teremos outra na libraría Couceiro de Compostela con Xesús Veiga Buxán e Olegario Sotelo Blanco.

Comentarios