Opinión

SAF: a CIG en loita

Delegados da CIG no SAF fecháronse na Consellaría de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia para pedir a xestión totalmente pública do Servizo de Atención no Fogar, para así garantir mellores condicións nas prestacións dos servizos. Piden tamén un convenio digno para o sector, pois este é un dos traballos máis precarizados. Levan anos padecendo os abusos das empresas concesionarias do Servizo. A suba que se lles asignou é tan só o incremento do IPC, que non permite ás traballadoras ser quen de chegaren dignamente a fin de mes. Se as traballadoras non están contentas coas condicións laborais do seu traballo isto vai repercutir directamente na atención aos usuarios e usuarias.

É este un servizo imprescindible para que as persoas que precisan de coidados especiais poidan permanecer o máximo tempo posible nas suas casas sen ter que solicitar unha praza de residencia, na maioría dos casos, privada.

Tería que ser este un servizo moito máis áxil dende a sua solicitude e o recoñecemento da dependencia. No meu caso teñoó solicitado dende hai ano e medio e aínda estou a esperar. O meu é un caso de extrema necesidade e é por iso que teño que recurrir á empresa privada 'Edades Compostela', coa que estou moi contento, pero tes que ter recursos económicos ou axuda para ser quen de poder pagar o seu prezo. Todos sabemos que, debido á tardanza en concederse este servizo, hai moitos casos nos que vén aprobado unha vez falecida a persoa. Triste realidade!

Como sabedes por un anterior artigo, vou publicar a finais de mes un libro, Coidados de maiores e enfermos, no que se tratan temas coma o do SAF, as residencias privadas e os prezos abusivos que impoñen as empresas multinacionais, a falta de residencias públicas…

No libro fago referencia a dúas multinacionais das residencias, Domus VI e a Fundación San Rosendo. Tan só un exemplo que, chegado o momento, incluso poderían ser expropiadas para que prestasen os seus servizos de forma pública. O SAF e as residencias de maiores forman parte do Estado do Benestar e non se poden ver coma un negocio onde as empresas se enriquecen á par que as traballadoras e usuarios empobrecen.

Poderíase valorar pagar na nosa cota á Seguridade Social unha parte destinada ao acceso, no caso de necesidade, a estes servizos de forma rápida e eficaz.

Para poñer todo esto en práctica faría falta un Goberno forte na Xunta encabezado polo BNG para que non lle trema a man á hora de mirar polos máis desfavorecidos e enfrontarse ao poder do capital.

Comentarios