Opinión

Petición ao Goberno de Santiago de Compostela

Supoño que Goretti Sanmartín se lembrará de min como compañeiro que son do concello de Boqueixón. Nestes momentos levo un ano e cinco meses recuperándome dun problema de saúde (amputación dunha perna) na residencia DomusVi de San Lázaro. Pois ben, vou aproveitar este artigo para facer unha importante petición.

As beirarrúas da contorna desta residencia están en tramos sen arranxar (baldosas soltas, rotas, desniveladas…) e é moi difícil moverse así en cadeira de rodas e incluso cun andador ou bastón. Teño que dicir que na contorna do Hotel Porta do Camiño si se fixo este arranxo, pero noutros lugares preto da residencia aínda non.

Como presidente da asociación fundada na residencia “A Vangarda dos Residentes”, onde estamos representados tódolos residentes, e dende o “Consello dos Residentes”, onde estamos empresa e residentes, fago, con todo o meu cariño, esta petición á equipa do Goberno de Compostela presidido por Goretti Sanmartín para que solventen o antes posible o arranxo desas beirarrúas.

Son a solución a estes problemas do día a día os que facilitan a vida a cidadanía. O Goberno dun concello coma Santiago de Compostela ten que tomar moi en serio a accesibilidade na cidade. Quen temos problemas de mobilidade e utilizamos cadeiras de rodas ou andadores sabemos dos problemas que temos para movernos en espazos non accesibles.

Pensade que a cadeira de rodas é para nós o único medio que temos para movernos, non fose por ela estariamos condenados a permanecer encerrados nas nosas casas ou nas residencias. É a cadeira de rodas a que nós proporciona unha certa independencia.

Compostela é Cidade Patrimonio Cultural da Humanidade e debe ser un exemplo da eliminación de barreiras arquitectónicas. Espero que o goberno da capital da Galiza acolla este artigo con cariño e demostre a toda a cidadanía que o BNG é quen de saber gobernar.

Comentarios