Opinión

Pensións e pobreza

O umbral da pobreza ameaza a case a metade dos pensionistas galegos, segundo un informe da Unión Europea, e destas a maioría son mulleres. Galiza está trece puntos por enriba de Euskal Herria en poboación que está oficialmente en situación de pobreza. A liña que marca o nivel de pobreza son os ingresos por debaixo dos 600 euros ao mes.

Hai que ter en conta que na Galiza moitos dos e das pensionistas traballaron e cotizaron; no caso de que as mulleres o fixeran, no agro, e este é un dos sectores que ten unha cotización máis baixa e, polo tanto, tamen a pensión é a mínima.

Eu, que son militante do BNG, non entendo como os e as pensionistas que se mobilizan tódolos luns do ano non fundaron un partido político cun programa electoral centrado basicamente en loitar por unha pensión mínima de 1.080 euros, a súa reivindicación maioritaria que ademais coincide co salario mínimo interprofesional. Ao igual que está representado no Congreso "Teruel Existe", por que non un partido que defenda as pensións dignas?

Temos que lembrar que as pensións mínimas durante o Goberno do PP tan só se incrementaron un 0,25% que se traduciu en 1,5 euros mensuais, aproximadamente, nas pensións mínimas. Pola contra, cun Goberno de coalición de esquerdas o incremento foi moito maior, un 8,5% que supuxo un aumento duns 50 euros o mes.

O tema das pensións é moi doado de entender, tan só fai falla mirar na túa conta bancaria o que che ingresan cada mes. Non é entendible que na Galiza haxa tanta xente maior e a súa vez pensionista que lle siga votando ao PP. Non ven que non vai a ser a dereita a que lles incremente a súa pensión que na maioría dos casos é o seu único sustento?

Se finalmente a dereita, PP e Vox, conseguen gobernar no Estado que se esquezan os e as pensionistas da súa suba da pensión.

É moi degradante ter que vivir os últimos anos da túa vida con 600 ou 700 euros, e xa non digamos se tes que ser usuario dunha residencia ou duns coidados a domicilio. Isto afecta os pensionistas en niveis deficientes de saúde (médicos, gastos farmacéuticos, coidados persoais…), benestar (ocio, tempo libre…), subministros básicos (luz, auga, calefacción, aluguer….).

Imos dar pasos importantes nas políticas sociais loitando polo benestar de toda a cidadanía. Non temos outra, vainos a vida nelo xustamente cando máis o precisamos.

Salario Mínimo Interprofesional de 1.080 euros, pensión mínima contributiva 1.080 euros.

Imos a por elo.

Comentarios