Opinión

Un millar de aldeas galegas contan cunha poboación de un só habitante

Este é o titular que aparece en varios xornais. A poboación na Galiza mingua día a día. Non se fala de que viva nunha aldea unha soa parella senón unha soa persoa e vella. Esta persoa que vive soa e illada non pode comunicarse con ninguén e cada vez o seu illamento é maior. Cando máis o precisan, os nosos vellos non teñen de quen botar man.

En Lugo os lugares onde vive unha soa persoa son 560, na Coruña 353 e en Ourense 140, Pontevedra pola contra ten menos de 50 núcleos con unha soa persoa.

As causas de que as aldeas se estean a despoboar e desaparecer son, entre outras, a baixa natalidade e polo tanto o envellecemento da poboación, o éxodo as cidades, a falta de servizos (transporte, novas tecnoloxías, oficinas bancarias, supermercados, atención médico-sanitaria…).

Temos que pensar o rural de outra maneira se queremos que a xente moza quede a vivir na aldea. As poucas oportunidades que hai de traballo e a baixa calidade de este fai que a mocidade non goce do noso rural.

As concentracións parcelarias non foron a solución para o rural galego. Foron feitas tarde e mal. Por moito que se agruparan nunha soa parcela tódalas leiras de un propietario esta finca segue a ser de dimensións reducidas para producir a demanda do mercado e poder vivir do que nela se produce. Ben vemos que os nosos rapaces non queren dar continuidade a facenda gandeira ou agrícola dos pais.

E por este motivo que hai que pensar en crear empresas no rural que vaian máis aló da produción agraria. Pequenas empresas de electricidade, talleres automobilísticos, carpintería, ocio e tempo libre… crearían postos de traballo que atraerían as xentes ao rural, asentarían poboación e recuperaríanse servizos.

Isto do envellecemento e a dispersión poboacional é un problema que vimos arrastrando na Galiza dende hai moito tempo e o que non se lle quixo poñer solución dende o goberno do PP. Hai quen di que isto foi intencionado pois así teñen os seus votos controlados. Non serei eu quen lles quite a razón.

Pensemos que unha aldea con postos de traballo vai a estar dotada de servizos e isto vai atraer poboación, unha cousa implica a outra.

Podemos vivir nas nosas aldeas cunha boa calidade de vida pero hai que facer esforzos por parte das administracións para revitalizalas, mantelas vivas e non deixalas esmorecer. 

Comentarios