Opinión

O contestador do Sergas

Antes no centro médico de Boqueixón había só unha persoa na administración, Pili, que marchou para outro centro agobiada pola sobrecarga de traballo. Ela soa atendía o teléfono, daba citas, resolvía as peticións dos pacientes… un luxo de traballadora.

Agora temos dúas traballadoras para o mesmo posto e non dan para facer o traballo que antes facía Pili. E por si esto non fora suficiente o Sergas instalounos un contestador automático para atender nun primeiro contacto aos pacientes. Dito aparello e difícil de entender ou mellor dito de entenderse con él e moito máis en lugares de pouca cobertura. Con este contestador pretende a administración aforrar postos de traballo e non o consegue.

Vivimos nuns tempos nos que temos que facer todo telefonicamente ou a través de internet, tarefa difícil para os nosos maiores que viven sós e en aldeas sen veciños próximos que lles voten unha man. Os pacientes do Sergas precisamos persoal administrativo e sanitario que nos atenda persoalmente, non a través do teléfono.

Os usuarios das oficinas bancarias queremos que non se nos fechen todas as sucursais no rural e que como moito se nos deixe un caixeiro que moitas das veces dá problemas.

Os veciños dos concellos do rural vemos como as nosas aldeas están a quedar sen veciños por mor da falta de servizos. Xa non queda un bar donde ir a tomar un café ou relacionarnos cos compañeiros. O mesmo está a pasar cos supermercados que ao fechar obrígannos a ir mercar ás grandes superficies e tirar do coche particular, porque o transporte público tamén escasea.

Pequenos exemplos para ver como se está a deixar morrer o rural. E se o rural morre, acábase cunha forma de vida, desertízase a terra, non se producen alimentos, talaranse masas forestais e dedicarase o terreo o monocultivo intensivo que esquilmará os acuíferos e nos encherá de sulfatos e pesticidas que porán en risco a nosa saúde. Isto está xa a suceder e non podemos seguir a aturalo.

Temos que loitar para que os nosos gobernos defendan a vida no rural, superar o abandono que se está a provocar na Galiza. Precisamos que non se nos prive de todos os servizos necesarios para poder vivir dignamente no lugar que temos escollido para a nosa vida e donde temos as nosas raíces.

Comentarios