Opinión

Por un bono transporte para persoas con discapacidades

As persoas que temos dificultades para desprazarnos, ben sexa por ter que utilizar cadeira de rodas, bastóns, muletas ou andadores, precisamos utilizar un transporte adaptado as nosas necesidades. En moitos dos casos o único que podemos utilizar é o taxi adaptado, o que nos comporta un gasto a maiores que nos é moi custoso. Por todo isto sería moi necesario que a Xunta de Galicia nos facilitara un Bono Transporte.

Ao igual que a Xunta lles facilita aos xóvenes a Tarxeta Xente Nova e para os maiores de 65 anos a Tarxeta +65, cun máximo de 60 viaxes gratuítas, deberiamos ter algo semellante para o transporte en taxi destinado as persoas que non somos quen de poder utilizar o bus. Así non se nos irían en transporte uns cartos moi importantes e necesarios para os nosos coidados. Non pedimos que se nos pague o transporte, senón que teñamos un mínimo de viaxes gratuítas, e o resto aportariamolo os usuarios.

O transporte é indispensable para podernos relacionar, facer xestións, ir a visitas médicas, participar en actividades... En resumo, ter liberdade nos nosos desprazamentos da vida diaria. Do contrario, vémonos obrigados a renunciar a unha vida completa que con axuda somos quen de levar a cabo.

Os cartos públicos son tamen para invertir no transporte adaptado para todas e todos.

Comentarios