Opinión

Si, eu tamén o fixen mal

Confesión: se non me esforzo por engadir a perspectiva de xénero no meu traballo, por defecto, non a incorporo. Son eu a única?

Hoxe no tranvía explotoume a testa ao decatarme de que eu contribuín ao discurso patriarcal durante os meus anos de universidade. Si, case dez anos despois dun traballo, aínda teño remordementos cuestionándome se aportei a miña mellor versión nesa peza. Isto faime pensar en se arrastrarán os meus compañeiros varóns as mesmas cargas durante tantos anos.

Hai sete anos que tres intentos de xornalistas escollemos o tema de Marilyn Monroe e a saúde mental como inspiración para un traballo da USC. Agora que o vexo con perspectiva, iamos adiantadas aos tempos: é agora, despois da Covid, que ata a Comisión Europea crea o ano da saúde mental, e acaba de publicarse o controvertido filme de Ana de Armas interpretando a icónica Monroe. Nós non o tiñamos tan pensado: parecíanos un personaxe interesante do que poderiamos sacar minutos para un bo mini documental. E así foi. Creamos una peza de xornalismo de investigación, unindo datos biográficos con entrevistas a psicólogos, psiquiatras, unha sexóloga e ata un psicoanalista. O xénero dos entrevistados foi variado, polo menos aquí si consideramos o equilibrio.

Este traballo de investigación leva pesándome todos estes anos porque sen nin sequera imaxinalo, esta peza é a más popular de calquera produto xornalístico que eu publiquei ata o día de hoxe. Este vídeo ten máis de 2.000 impresións nos últimos 28 días e máis de 70 comentarios de distintas persoas que reaccionaron ao contido. Todo hai que dicilo: este documental nin se promociona, nin ten un extenso posicionamiento en buscadores nin redes. Subímolo a YouTube hai sete anos para que o mestre puidera avaliarnos. O máis rechamante desas cifras non son os números en si, senón a cantidade de comentarios negativos sobre a hipótese na que se basea a investigación: Marilyn Monroe, unha enferma con trastorno límite da personalidade. Como ben se describe debaixo do vídeo, é unha hipótese do noso traballo universitario. Esta son eu tratando de xustificarme.

Como dicía, estaba eu no tranvía regresando a casa cando todos os puntos se uniron: comprendín o erro cometido. Nós non xulgamos a Marilyn nin nos burlamos do seu traballo, nin sequera a criticamos. Todo o documental é plenamente descritivo e como opinión agora podo afirmar que despois de tanto documentarnos sobre a súa historia, comezamos a valorala máis e máis como profesional. Con todo, o erro foi que promovemos esta idea machista de que se algunha muller ten poder –como foi o caso da cantante Britney Spears–; se algunha muller se planta nunha reunión rodeada de homes –como pasou con Carlota Corredera–; se algunha muller levanta a voz para defender os seus dereitos –como todas as mulleres iranianas hoxe–; hai que buscar unha xustificación para tal acto de "rebeldía" inapropiada. Nós etiquetamos a Marilyn Monroe como unha enferma, xustificamos o seu comportamento a través da súa desgastada saúde mental. En vez de valorar todo o esforzo que esa muller facía cada día por merecer o título de icona do cine, utilizamos a brutalidade da sociedade para atala en corto e devolvela o seu lugar. Que vergoña!

Saltáronme as alarmas porque eu estaba a volver despois de tomar algo cuns amigos: dúas mulleres e dous homes. Estabamos na mesa cando saíu o tema das 15 xogadoras de selección española de fútbol que renunciaron a xogar os próximos partidos porque os métodos e o trato do seleccionador afectaban á saúde das xogadoras. Eu descoñecía a controversia, polo que me limitei a escoitar: "piden botar o seleccionador", describiu un dos rapaces. "A selección está a uns niveis altísimos, é normal que teñan exixencias", dixo o outro. "O problema é que o deporte feminino en España séguese a ver como rapazas que teñen un pasatempo, non como unha profesión, que si é o caso para os homes". Aquí meteu o xénero dentro da conversación unha das rapazas. Eu seguía a charla como se foxe un partido de fútbol ata que ese último comentario me espertou. "Mais é este un problema de xénero?", preguntou o primeiro rapaz, "non se acusa ao seleccionador por malos tratos nin abuso". "Ata o día de hoxe, no noso mundo aínda liderado por homes brancos heteroxesuais, cando se trata de mulleres, sempre ten que ver o xénero", rematei eu.

Hai sete anos descoñecía a importancia que ten a perspectiva de xénero en calquera peza xornalística. De feito, na universidade xamais se mencionou. Hoxe, grazas a deconstrución consciente que levo facendo sobre a miña mente nacida e desenvolta baixo o patriarcado, doume conta dos meus erros e intento mellorar día tras día.

Comentarios