Opinión

Non entender Catalunya

Hai case unha década que son cidadán de Catalunya coma ao redor de 100.000 galegas e galegos. Decote é moi común atopar xente nova acabada de chegar a este país porque se lle esgotaron as derradeiras esperanzas  de poder tirar adiante no seu país.

Hai case unha década que son cidadán de Catalunya coma ao redor de 100.000 galegas e galegos. Decote é moi común atopar xente nova acabada de chegar a este país porque se lle esgotaron as derradeiras esperanzas  de poder tirar adiante no seu país. Ao longo de tempo imos entendendo as diferenzas e similitudes entre a nosa terra de acollida e a nosa de orixe, feito que nos provoca abraiarnos cando lemos ou escoitamos análises bastante reducionistas do que está acontecer nesta parte do Mediterráneo. Só cómpre achegarse a un quiosco e mercar calquera cabeceira diaria en papel galega para poder ler as opinións de apelidos recoñecidos asentados nas tribunas que se limitan a repetir os argumentos dos seus correlixionarios que dirixen o cotarro desde Madrid. Unha batería de razóns que non encherían nin unha páxina por parte daqueles que nunca viviron en Catalunya pero se cren con suficiente peso para poder facer fotografías fidedignas do que acontece neste parte do mundo ou noutra, coma se do concello no que viven se tratara. Tanto ten a realidade catalá coma a curda malia que ningunha das dúas forma parte do seu día a día. “É ilegal!”, esgrimen coma expertos unha volta tras doutra cada vez que participan nun debate do que está a acontecer. Nun mesmo saco entra case o todo o espectro ideolóxico a prol da consulta: convergents, demócratas cristiáns, verdes ou republicanos. Neste caldeiro moitas das veces nin conta coa posición da CUP. Máis dunha vez vemos que aqueles que son remunerados pola súa longa traxectoria de líderes de opinión nin acertan a saber quen é David Fernández. Porque para eles é o desafío, o pulso, o camiño sen saída de Mas. Desde o primeiro momento ignoran conscientemente á sociedade civil, para evitar que a cidadanía do resto do Estado poida ser comprensíbel co que as catalás queren facer exercendo un dereito democrático.  

"Cando na televisión pública do Estado é practicamente unha quimera a participación de analistas a prol da consulta –xa non digamos da independencia!-, a BBC non tiña reparos á hora de organizar cara a caras con Alex Salmond". 

O pasado mes de agosto tiven a oportunidade de percorrer un milleiro de quilómetros ao longo de Escocia. En plena campaña electoral o que máis me chamou a atención foi que, a diferenza de en Catalunya, non se vían bandeiras penduradas das fiestras nin dos balcóns. E mercar un estandarte co #YesScotland foi toda unha odisea! En cada localidade podíase atopar unha oficina a prol do “si” e outra a prol do “non”, pero nin tan sequera na capital, en Edimburgo, era sinxelo dar con algunha. Máis complexo aínda foi poder mercar un estandarte co #YesScotland. Só de venda nestas oficinas –cando en Barcelona en calquera bazar podelas atopar nas súas diferentes formas (coa estrela vermella ou co triángulo azul e a estrela branca)-, en moitas delas estaban esgotadas. “Como é que non a poder mercar en ningunha tenda?”, pregunteille a unha responsábel dunha oficina polo “si” en Edimburgo. A resposta foi que a xente non quería se cadra amosar a súa postura perante o proceso e que, a fin de contas, tratábase de propaganda electoral. Non había nada que reivindicar: a consulta é legal e cadaquén podía defender a independencia ou a permanencia no Reino Unido. As diferenzas esténdense en moitos ámbitos. Cando na televisión pública do Estado é practicamente unha quimera a participación de analistas a prol da consulta –xa non digamos da independencia!-, a BBC non tiña reparos á hora de organizar cara a caras con Alex Salmond. Cando van entrevistar nos medios públicos estatais a Carme Forcadell, presidenta da Assemblea Nacional Catalana, ou a Muriel Casals, de Òmnium Cultural, organizacións civís que impulsaron a mobilización cidadá? A cales espazos de opinión son convidadas as persoas participantes destes colectivos? Volvendo ao meu paso pola oficina do #YesScotland, a responsábel preguntoume porque non se podía votar en Catalunya. Abraioume que me comentara que canda eles colaboraban españois que establecían unha gran diferenza con Escocia, que esta si que era unha nación… 

 "As tribunas non distinguen entre sociedade civil e Generalitat. Un simplismo que acaba por facer sentir a unha boa parte da cidadanía catalá nunha sorte de zombies ao servizo da interese mesiánica do seu president".

Serenidade. Este é o termo que máis adoito a usar cando entre os meus en Galiza me preguntan polo que está a acontecer alá. As tribunas non distinguen entre sociedade civil e Generalitat. Un simplismo que acaba por facer sentir a unha boa parte da cidadanía catalá nunha sorte de zombies ao servizo da interese mesiánica do seu president. As manifestacións polo dereito a decidir máis numerosas de Europa quedan deslexitimadas en prol da suposta “maioría silenciosa”, un conxunto que de ser así tamén mantén o seu silencio cando hai comicios electorais se vemos a composición do Parlament ou se botamos man de enquisas recentes. Até é ben curioso que un se poida atopar votantes socialistas que, querendo defender o “non”, non comprenden coma o lavado de cara do partido de Pedro Sánchez e a suposta intención de rexeneración democrática entran en contradición co exercicio do voto no seu país. Como llo xustificarán ao seus homólogos británicos? 

A actitude do goberno do Estado ten máis lecturas que o propio feito de non poder votar desta volta en Catalunya. Unha boa mostra de que a opinión da cidadanía en termos xerais non conta. Un no fondo está convencido que eles mesmos son conscientes da pobreza dos seus argumentos. Que diría Mariano Rajoy se tivera a ocasión de subir a un dos escenarios do pasado 11 do setembro en Barcelona? A sociedade catalá entende que se lles esgotaron todas as posibilidades de entendemento co Estado, incluíndo neste conxunto a moitos que non están a prol da independencia pero si da consulta. Cren en Madrid que impedindo o #9N acabouse o conto. Morto o can, rematou a rabia. Pero todo apunta que cando dous millóns de persoas saen á rúa ano tras ano dificilmente se vai poder pór fin ao democrático dereito a decidir do seu pobo. 

"Todo apunta que cando dous millóns de persoas saen á rúa ano tras ano dificilmente se vai poder pór fin ao democrático dereito a decidir do seu pobo". 

Non queren entender Catalunya. Sería reducionista pensar que o que o goberno de Rajoy non quere, é extrapolábel a toda a cidadanía do Estado. Non hai xeito de comprender esta actitude nin aquí nin acolá. Unha posición insostíbel criticada por un medio que de ben seguro no PP nunca cualificarán de radical. O New York Times –cando estudaba Xornalismo considerado o máis influinte dos xornais do mundo- chama nun editorial ao sentidiño: Primeiro os escoceses, agora os cataláns. Coma se só se puidera votar que si! E é coma versan unha das faixas máis comúns dos balcóns barceloneses: Votar és normal.

Comentarios