Opinión

A lingua catalá alén da inmersión

Cando falo da situación do galego, adoita xurdir o exemplo do catalán, sobre todo a inmersión no ensino. O modelo procuraba que as persoas nacidas fóra do Principat e as fillas de emigrantes tivesen as mesmas oportunidades que as castelanfalantes. Porén, o catalán latexa a diferentes ritmos alén do ensino. Velaquí o meu relato, como galego e catalán falante desde hai 14 anos. 

Hai moito matiz catalán ao longo e alén dos Països Catalans. Para mostra, o catalán está ben vivo na Franja de Ponent, o Aragón preto de Lleida. En Catalunya, a pesar do seu uso normal, non abraiaría barcelonés ningún afirmar que o día a día en catalán non é sinxelo. En máis dunha situación as persoas interlocutoras empurran ao cambio ao castelán. Sen cinguirme ao rigor filolóxico, percibo maior aceptación a cambiar ao castelán que anos atrás, supoño que resultado da paranoica idea de imposición lingüística dende o preprocés. Madía leva! Por moito goberno secesionista, a maior parte dos medios ou os contidos culturais están en castelán... De feito, a saúde do catalán na capital non é tan boa. Estudos recentes apuntan que só o 19,6% das persoas entre 15 e 29 anos teñen o catalán como primeiro idioma1. Até a televisión pública é obxecto de controversia lingüística. Desde xullo, a Plataforma per la llengua recolle sinaturas contra a que considera a castelanización de TV3: a emisión da serie bilingüe Drama, foi a isca2. 

Por moito goberno secesionista, a maior parte dos medios ou dos contidos culturais están en castelán

O País Valencià vive unha primavera lingüística tras os mandatos do PP. O goberno do Botànic ten unha aposta decidida. Para mostra, Vicent Marzà, conselleiro de Educación, está vinculado de longo á Escola valenciana, entidade cívica que pula polo ensino na lingua propia. Porén, a situación do valenciano3 –a denominación do catalán ao sur do río Sènia, que (non) separa o Montsià català do Baix Maestrat valenciano–, é complexa. De partida, non é o idioma de oito das comarcas interiores do País, cuxa lingua propia é o castelán. En cambio, un caso senlleiro é o Carxe, territorio murciano onde o valenciano é lingua natural. De calquera xeito, cómpre lembrar que o País Valencià sufriu as consecuencias dun modelo lingüístico coñecido na Galiza, que mesmo pechou a radio e televisión públicas do país, que volveron co goberno actual.

Nas Balears, a lingua vive un rexurdimento despois de romper co ensino plurilingüe do anterior goberno do PP, que supuxo grandes mobilizacións e a folga de fame dalgún e dalgunha docente4. O catalán ten diferentes variantes dialectais entre illas –non existe o catalán común de Balears– usadas por máis do 40% da poboación. Porén, vexamos un exemplo da diferenza entre a realidade valenciana e a balear: cando IB3, a televisión pública das illas, chega até Catalunya e TV3 até ao arquipélago, non hai esta correspondencia entre Catalunya e o País Valencià. En calquera caso, hai unha predisposición pola unidade impensábel hai unha década. En 2020 o Instituto d’Estudis Catalans –a academia que fixa a normativa–, a Academia Valenciana de la Llengua e a Universitat de les Illes Balears asinaron a prol da norma común e das variantes dialectais5. 

Nas Balears, a lingua vive un rexurdimento despois de romper co ensino plurilingüe do anterior goberno do PP

Alén do Estado, o catalán é oficial e vital en Andorra; sobrevive sen oficialidade na Catalunya nord6, sete comarcas occitanas onde nin o 20% da poboación o ten xa coma primeira lingua; así como existe no Alguer, localidade sarda duns 43.000 habitantes e repoboada por cataláns e catalás na Idade Media, onde é usado polo 13% da poboación e conta con certa protección legal e ten até un equipo da Plataforma per la Llengua7.

NOTAS
1. https://www.nuvol.com/llengua/la-corba-de-extincio-del-catala-no-saplana-a-barcelona-135695
2. https://www.ara.cat/media/plataforma-per-la-llengua-castella-tv3-campanya_1_1105009.html
3. https://revistasao.cat/el-melodrama-de-la-llengua-al-pais-valencia-balanc-de-quatre-decades/
4. https://www.nuvol.com/llengua/vaga-de-fam-per-la-llengua-207
5. https://www.vilaweb.cat/noticies/iec-academia-valenciana-universitat-balears-protocol-normativa-linguistica/
6. https://www.ccma.cat/tv3/el-documental/el-documental-emet-catalunya-nord-la-llengua-enyorada/noticia/3063849/
7. https://www.plataforma-llengua.cat/territorials/alguer/

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios